O novo intento de venda ilegal anunciado por Ferroatlántica deixaría as fábricas como subcontratas de FerroGlobe

A central reclámalle a Xunta que interveña para impedir esta operación fraudulenta
Cee - 04 Xun 2019

A sección sindical da CIG denuncia que o proxecto de venda presentado por Ferroatlántica constitúe unha operación encuberta de segregación e venda das centrais hidroeléctricas, cuxos beneficios quedarían dentro de FerroGlobe mentres que as fábricas pasarían a ser unha especie de subcontrata, desvinculadas da produción de enerxía e sen garantías de viabilidade e mantemento dos empregos.

"O acordo que nos presenta Ferroatlántica é a segunda parte da operación que intentou levar adiante no ano 2017 pero que non puido concluír por non ter autorización da Xunta", denuncia Alfonso Mouzo, voceiro da sección sindical da CIG. Desta volta, nun intento de esquivar as cláusulas concesionais que vinculan ambas actividades, o Grupo Villar Mir anuncia que chegou a acordo cun fondo boitre norteamericano (con intereses no negocio da enerxía mais sen relación co sector das ferroalixes), para a venta conxunta das fábricas e das centrais. Unha actuación que require da autorización da Xunta e que a CIG cualifica de fraudulenta.

Porén, de efectivizarse, a compra deixaría as plantas de Cee e Dumbría nunha situación aínda peor que a formulada hai dous anos, xa que malia teren nova propiedade, as fábricas dependerían en exclusiva das decisións de FerroGlobe ao ser o seu único provedor de materia prima e o único comprador da produción. "É dicir, as fábricas funcionarían como unha subcontrata ao servizo e segundo os criterios de FerroGlobe, pero fóra do grupo", alerta Mouzo.  

A empresa confirma que segue adiante cos recursos xudiciais

Ademais, na xuntanza desta martes co comité, a dirección confirmou que o único obxectivo desta operación segue a ser facer caixa coas centrais hidroeléctricas, xa que a empresa non vai renunciar aos recursos legais que presentou contra a resolución de Augas de Galiza. "Entendemos que esta actuación non é legal e que constitúe un intento de Ferroatlántica de anticiparse ao resultado dunha sentenza xudicial pendente de ditarse".

Para a representación da CIG o feito de que Ferroatlántica queira chegar a un acordo co comité que avale a venda do complexo enerxético-industrial demostra que estamos ante unha operación ilegal, "porque se esta fora un negocio con todas as garantías legais non nos pedirían permiso aos traballadores e ás traballadoras".

Mouzo acusa á empresa de reeditar o proceder de 2017, cando tamén quixo forzar acordos cos comités dos distintos centros de traballo para presionar a Xunta e que a Administración resolvera a favor da segregación. Por iso, dende a CIG reclámase á Xunta de Galiza que interveña de inmediato ante esta fraude, faga valer as cláusulas das concesións e evite que se consume esta ilegalidade coa que o Grupo Villar Mir quere tirar proveito dos nosos recursos naturais para tapar os buracos xerados noutros sectores do grupo empresarial.