O papel de Europa máis aló do COVID19

Antoni Infante -

A Unión Europea négase á coordinación continental na loita contra a pandemia do COVID19, e tampouco está disposta a cambiar as súas regras de xogo económicas, porque iso sería tanto como ir en contra da súa propia xénese constitutiva

 Co Brexit aprobado e en proceso de consumación, a pandemia do COVID19 volveu abalar con gran virulencia a Unión Europea (UE), consumida pola burocracia e con dúas grandes contradicións internas de máis profundidade que as trocas dialécticas entre os seus actuais mandatarios. A primeira contradición é a que se establece entre a propaganda do que di de si mesma a UE e o que está facendo realmente desde o seu nacemento. A segunda entre o ser un dos espazos máis importantes do mundo para a valorización do capital[1], debido ao seu gran desenvolvemento económico, e, asemade, un dos territorios onde, malia os retrocesos, aínda quedan importantes conquistas en dereitos laborais e políticos que dificultan precisamente esta valorización.

 Hai, porén, unha opinión moi estendida que acepta de xeito acrítica que a Unión Europea naceu para que non se volvese a unha situación de guerra entre os estados europeos. Mais é unha consideración ideolóxica[2], parcialmente falsa, xerada por anos de mentiras, medias verdades e toneladas e máis toneladas de propaganda interesada. Este días, coa crise do coronavirus, lemos e escoitamos declaracións neste sentido dunha chea de persoas relevantes como Pedro Sánchez ou Ximo Puig entre moitas outras.

 Se miramos, así e todo, a realidade sen a venda da ideoloxía tapándonos os ollos, podemos comprobar como a xénese da Unión Europea, aqueles primeiros acordos dos anos 50 do século pasado sobre o carbón e o aceiro entre seis estados, estiveron impulsados olo mesmo capital financeiro estadounidense, desexoso de espazos onde poder investir e de mercados necesidades de mercadorías onde vender os seus produtos. Lembremos que previamente foi o mesmo capital financeiro norteamericano o impulsor do famoso Plan (do xeneral) Marshall de 1948 ao 52 nunha Europa ocupada militarmente, que co visto e prace das elites europeas, dirixiu unha determinada reconstrución europea, coa obsesión por impedir o avance político das forzas de esquerdas, nomeadamente as lideradas polos partidos comunistas.

 Un caso paradigmático desta obsesión foi o apoio estadounidense ás forzas minoritarias e reaccionarias en Grecia, que orixinou un guerra civil desde o final de 1944 até 1949, mais tamén o recoñecemento e apoio militar e económico á ditadura franquista e a dirección, mediante a CIA e o O MI6 británico, da guerra sucia contra as forzas populares e de esquerdas en Italia, como destapou anos máis tarde o escándalo mediático sobre a operación Gladio[3].

 Paralelamente á construción dese espazo tan idealizado do UE, algúns dos estados que forman parte non aforraron esforzos militares en todo o mundo para continuar as súas políticas extractivas a calquera custo. Trasladaron a guerra porque o fedor da morte e a miseria non impregne os nosos salóns. Algúns exemplos paralelos no tempo ao proceso de construción da UE:

 Cando Indonesia declarou a súa independencia en 1945 os Países Baixos (Holanda), co apoio de Gran Bretaña e os EUA, rexeitárona até 1949 e provocaron un grave conflito armado. En 1947 Francia reprimiu militarmente a loita independentista de Madagascar causando 100.000 mortos. De 1950 a 1953, Francia, Bélxica, Grecia, Holanda e Inglaterra (xunto con outros países non europeos) apoiaron militarmente os EUA na guerra de Corea, que xerou máis de 3 millóns de mortes.

 De 1945 en 1954 Francia desatou a guerra de Indochina co resultado de máis de medio millón de mortes. Despois pasaríalle a vez aos Estados Unidos.

 En 1956 Francia e Inglaterra, co apoio de Israel, interviñeron militarmente contra Exipto na denominada guerra do Sinaí polo control da Canal de Suez.

 Nos anos 1957/58 as tropas francesas apoiaron as españolas na guerra de Ifni con 5.000 e 9.000 soldados respectivamente. Francia repetiuno salvaxemente a Alxeria de 1954 a 1962. As cifras oficiais de mortos son de 525.000 (fálase oficiosamente de máis dun millón) das que só uns 17.000 eran soldados do exército francés, moi maioritariamente da lexión estranxeira. Francia aplicou en Alxeria[4] a táctica do terror xeneralizado que xa practicara en Indochina, torturando salvaxemente e masivamente miles e miles de persoas.

 Os británicos mantivéronse en guerra colonial até 1968 no Iemen (protectorado de Adem). Bélxica ocupou o Congo durante 80 anos, e despois de ter que recoñecer a súa independencia en 1960, imputoulle a débeda externa que ela mesma provocara, o que empobreceu ese país brutalmente. Logo manobrou xunto cos EUA e Francia para escindir o novo estado, mesmo asasinando o seu presidente lexítimo, Patrice Lumumba.

 En Quenia, Inglaterra mantivo unha guerra de máis de 6 anos ata 1963 para impedir a independencia, con máis de 100.000 mortos e máis de 320.000 persoas detidas.

 Portugal declarara as colonias como provincias de ultramar. Tanto Angola como Moçambique tiveron que loitar pola súa independencia ata a Revolución portuguesa dos Cravos de 1974. Un ano antes Portugal asasinara Amílcar Cabral, líder do Partido Africano da Independencia da Guiné e Cabo Verde. A descolonización portuguesa de Timor deu lugar a un enorme masacre perpetrado por Indonesia co apoio dos Estados Unidos.

 O Estado español abandonou O Sahara logo da visita do rei emérito, o corrupto, en 1975, e deixou que fose ocupado por Marrocos.

 En 1987 Francia apoiou un golpe de Estado en Burkina Faso, e executou o seu líder, Thomas Sankara, e máis recentemente, en 2011, liderou unha alianza internacional para derrubar Muamar Gadafi, presidente de Libia, un estado que tiña entón o PIB per capita máis alto de todo o continente africano. Hoxe Libia é un "non foi".

 Poderiamos continuar referíndonos ás guerras provocadas polo control do territorio e as materias primas que "necesitamos" na nosa idealizada Europa en toda África e con millóns e millóns de mortos, escravitude infantil, violacións de mulleres e nenas en masa, etc. Máis de 5 millóns de mortos no Congo, case 1 millón en Ruanda ... Xa non adoitan aparecer nela (se non son imprescindíbeis) os exércitos coloniais, e o seu lugar é ocupado polas "corporacións de seguridade", exércitos de mercenarios que cando se ven superados provocan algún incidente para que poidan volver os exércitos metropolitanos, con uniformes de forzas de paz, que nunca se equivocan de que lado están.

 Non, a Unión Europea e os estados que a compoñen non son o paraíso terreal. E malia iso foi e é posibelmente o territorio onde de xeito xenérico e de fronteiras para dentro, máis avanzou a liberdade e o recoñecemento dos dereitos civís, sociais e políticos da maioría social. Un recoñecemento forzado sempre por duras loitas onde a suor e o sangue púxoos moi maioritariamente o pobo, e pola realidade xeopolítica que representou a revolución soviética primeiro e a derrota do exército nazi a mans fundamentalmente do exército vermello.

 Un espazo de liberdades reais e formais cada vez máis delgadas e precarias, e sempre co perigo do seu retroceso, con normas similares á "Lei Mordaza" española esparexéndose por todas as partes con todo tipo de escusas (algunhas máis críbeis ca outras), maioritariamente autofabricadas para o control da poboación. Unhas liberdades formais que custan moito de aplicar para que as nacións minoritarias poidamos exercer o dereito de autodeterminación, para as minorías étnicas, para as persoas migrantes, para as mulleres, para a diversidade de opcións sexuais... E son liberdades formais sobre, cada día, menos temas importantes para a poboación, porque os temas importantes negócianse a porta pechada.

 Si, malia todo, podemos continuar dicindo que Europa, como continente, foi onde máis se avanzou nas liberdades colectivas e as formas democráticas. Agora ben, é precisamente a Unión Europea como estrutura política a que foi reducindo eses espazos de democracia, a que foi construíndo un poder supraestatal non contra os estados, senón contra os pobos. Unha UE que intentou aprobar unha constitución de ámbito europeo restritiva das liberdades individuais e colectivas e que, cando foi rexeitada en varios países, aprobou o fundamental de tal constitución pola porta de atrás co Tratado de Lisboa.

 Foi esta UE a que deu total liberdade ao Banco Central Europeo para que poida aplicar as políticas económicas que só favorecen o capital financeiro internacional, cumprindo as directrices do FMI e o Banco Mundial. O BCE funciona sen ningún control democrático por parte nin do Parlamento Europeo nin dos parlamentos estatais, e xunto co FMI e a Comisión Europea, non lle tremeu a man á hora de impoñer un primeiro ministro italiano non elixido pola cidadanía e unhas políticas terríbeis contra o pobo grego, sometido ás maiores chantaxes políticas.

 É esta Unión Europea a que agora se nega á coordinación continental na loita contra a pandemia do COVID19. E a que, sobre todo, non está disposta a cambiar as súas regras de xogo económicas, porque iso sería tanto como ir en contra da súa propia xénese constitutiva.

 Coido que necesitamos unha primeira tarefa de clarificación da linguaxe. É necesario que saibamos diferenciar cando falamos de Europa e cando falamos da Unión Europea. Desde a reivindicación de Europa como espazo de loita pola liberdade debemos cuestionar a esencia da Unión Europea como contraria a esas liberdades. Vainos niso o futuro e a vida, como co coronavirus.

_______________________________________________________________________________________

Notas:

[1] Realización de beneficios ao final de toda a cadea de produción e comercialización dos valores materiais ou inmateriais producidos.

[2] Utilice aquí o concepto de ideoloxía como falsa conciencia dominante.

[3] A CIA e a guerra fría cultural, de Frances Stonor Saunders.

[4] Unha moi interesante película sobre estes feitos, para poder ver estes día de confinamento, é A Batalla de Alxer de Gillo Pontecorvo.

_______________________________________________________________________________________

 

[Artigo tirado do sitio web catalán El Món, do  31 de marzo de 2020]

Volver