O paradoxo dun sindicalismo de costas aos traballadores/as

Fermín Paz Lamigueiro -

Non será doado, mais si é necesario, explicar á clase traballadora a necesidade que hoxe temos de impulsar un cambio nas fórmulas de representar e como exercer a representación. A representatividade acadada pola CIG debería servir para empurrar na dirección dunha maior democratización do mundo do traballo

"A liberdade só para os que apoian o goberno; só para os membros dun partido (por numeroso que este sexa) non é liberdade en absoluto. A liberdade é sempre e exclusivamente liberdade para quen pensa de xeito diferente" (Rosa Luxemburgo)

Hai tempo falaba cun compañeiro da necesidade de darlle unha volta e debater sobre unha das encrucilladas do sindicalismo. Non tanto nunha análise centrada no sindicalismo nacionalista galego, senón nos condicionantes externos e nas debilidades do movemento obreiro (motivadas fundamentalmente pola perda crecente de credibilidade que ten o sindicalismo en xeral), como consecuencia do papel que veñen desempeñando tanto UGT como CCOO desde 1978 (a data das primeiras eleccións sindicais) e que afecta indirectamente aos demais sindicatos e o conxunto das relacións laborais no Estado e na Galiza.

 Alén dos sentimentos polos meus vivires no colectivo obreiro, manteño unha vinculación á CIG contribuíndo cunha cota como traballador que percibe unha pensión de xubilado (fago esta precisión para non agocharme tras dalgunha bandeira de conveniencia). Os amigos tertulianos rematamos a conversa cunha suxestión por parte miña: facer un encontro aberto con novos e vellos traballadores sobre esta cuestión.

 Máis cedo que tarde, as estruturas -e as bases sindicais- ben por obrigación ou convencemento-, chegarán a unha conclusión semellante porque a acción sindical é cada día mais esixente. Os grandes sindicatos a nivel español teñen moitas debilidades e os demais sindicatos, aínda que pretendan facerse ouvir nas fabricas e nas rúas, teñen moi difícil a tarefa por culpa da institucionalización do sistema sindical centralizado.

 A CIG, coa maior representatividade nas derradeiras eleccións sindicais e sendo a primeira forza sindical a Galiza, ten e terá grandes dificultades para exercer esa posición vantaxosa na representatividade por mor dos privilexios destes competidores sindicais e da institucionalización das relacións laborais. Para comprobar esta afirmación, abonda a posición do Presidente da Xunta deixándonos fóra da convocatoria na mesa sindical feita na pandemia e o silencio cómplice de UGT e CCOO (imaxinade que algún deles ou os dous, quedase fóra dunha convocatoria destas características, do chamado “diálogo social”, etc.). Calan, porque están afeitos aos contubernios coas direccións de empresa, patronais e gobernos e coinciden co Sr. Feixoo na nosa eliminación por “decreto”, cando lles é posíbel.

 Este modelo de representatividade permite un sindicalismo de costas aos traballadores cuns mecanismos instituídos que outorgan case que toda a representación a dous sindicatos (CCOO-UGT); e non só a dos seus afiliados, senón os das outras alternativas sindicais e os que non teñen organización que non senten a necesidade da organizarse sindicalmente, ben pola atomización empresarial, a maior preparación, as peores

condicións socioeconómicas, a pouca atención sindical que reciben, por razóns ideolóxicas e por non teren conciencia de clase, ou ben porque non lles dá a gana.

 No fondo, estes mecanismos supoñen a delegación permanente do conxunto do movemento obreiro, unha fraude ao pluralismo sindical e á democracia pois todos os acordos teñen aplicación xeral e non precisan de ningún debate nin consulta. No mellor dos casos, todo se coce en pequenas estruturas lexitimadas por normativas internas, sen control dos afectados e coa blindaxe institucional. A cuestión de fondo, desde a miña perspectiva, é que a representatividade no Estado español non pode establecerse só cunha votación cada catro anos. A situación sociolaboral esixe a participación do colectivo obreiro afectado con mecanismos referendarios ou asemblearios (antes de asinar calquera acordo), e deberían ter un recoñecemento obrigatorio na acción sindical e cobertura legal nas obrigas dos sindicatos. Abofé que é unha necesidade.

 A representatividade sindical tal e como vén funcionando serve fundamentalmente ao sistema, mais non á clase traballadora. É necesario comprender como se foi estruturando o bisindicalismo estatal na materialización legal actual, a través do Estatuto dos Traballadores, a Lei Orgánica de Liberdade Sindical e o Real Decreto 1844/1994 regulador das eleccións sindicais.

 Estou convencido de que, se nalgún tempo foi necesario falar destes asuntos, o tempo é hoxe.

 Do cambio que todos intuímos como necesario, o sindicalismo non debe nin pode ficar fóra da mudanza que está acontecendo no plano industrial e social, mais tampouco descoñecer ou negar a importancia deste debate. Para min é dunha importancia semellante ao derrubamento e substitución do sindicato vertical no remate da ditadura, aínda que sexa por motivos diferentes (a precisión é obrigada para non caer no confusionismo) . É unha necesidade da clase traballadora combater este modelo sindical oblicuo instalado na representatividade universal e sen ningún control colectivo.

 En pura lóxica, as estruturas sindicais que forman parte do aparello institucional serán mais resistentes a perder os privilexios. En analoxía co bipartidismo, no Estado español temos un bisindicalismo hexemónico nas relacións laborais. Aínda que algúns pretendan negalo cunha formulación simplista, coa falacia, “os resultados das eleccións sindicais mostran a confianza dos traballadores nos sindicatos”. Tal afirmación non deixa de ser unha xustificación, do mesmo calado á estratexia que mantivo o bipartidismo (unha copia calcada), durante tanto tempo para negar a necesidade dun cambio real. É un feito comprobado que o sindicalismo practicado por CCOO e UGT non ten a confianza do conxunto dos traballadores. Sirva como exemplo do afirmando, que esas dúas organizacións baixaron na súa representatividade do 76% no 2007 a un 67% na actualidade. Esta perda é consecuencia do afastamento da realidade do mundo do traballo, da precariedade e do desemprego e seguramente implique a perda de afiliación, cando menos, na mesma proporcionalidade. No mellor dos casos, a súa acción sindical vai dirixida a quen ten estabilidade no emprego e a quen acredita no seu modelo de corporativismo.

 A miña formulación é a seguinte: para saber a onde imos precisamos saber de onde vimos. Na loita obreira temos a obriga de facer sempre a devandita pregunta e consecuentemente tratar de atopar as respostas máis acaídas na acción sindical. Por unha banda, a xeración máis vella de militantes deberían facer un pequeno percorrido polos asuntos que tiveran que enfrontar na ditadura e máis adiante coa liberdade sindical, nunha revisión histórica que puxese de manifesto os problemas que foron atopando e que solucións construíron diante de cada un deles, revisando abertamente os acertos e posíbeis erros daquelas dinámicas. Pola outra, os sindicalistas de hoxe deberían pensar e debater dun xeito aberto sobre os problemas centrais da clase obreira e sobre por que a debilidade do sindicalismo españolista non permite que a CIG DESPREGUE TODA A SÚA CAPACIDADE DE REPRESENTACIÓN E NEGOCIACIÓN, sobre as necesidades estruturais de organización cunha perspectiva a medio-longo prazo ou a importancia decisiva dun marco galego de relación laborais. A meta sería rematar entre todos chegando a algunhas conclusións que sirvan para enfiar a resposta ao que facer.

 No meu pensamento, o onte está cheo dunha mestura de lembranzas que van das referencias históricas en que me fun formando ás condicións de vida e de traballo no contexto dos finais da década dos 60 e os inicios da do 70, á situación política daquel tempo, á loita contra o sindicato vertical para construír unha alternativa democrática, á coherencia esixida entre as posicións na fábrica e a vida militante, os debates sobre unha única Central Sindical, até a concreción das diferentes expresións do pluralismo sindical, á legalización dos sindicatos de masas construídos polas vangardas, á ilusión colectiva como motor do cambio, unhas organizacións novas e democráticas, o desenvolvemento e o ensino das loitas, ás crises internas, á institucionalización sindical e o pacto social. Pese ás dificultades que cada tempo ten, trátase de atopar solucións teórico-prácticas aos problemas que van xurdindo na dinámica histórica.

 Os sindicatos CCOO e UGT non están dispostos a perder o seu estatus corporativista e, cando queren afrontar calquera crise de empresa, unha remodelación industrial ou negociar cambios lexislativos, están incapacitados para facelo (coa excepción de que as súas bases queiran resitualos nunha acción sindical moi diferente). O PARADOXO É QUE SON PARTE DO SISTEMA E COMO TAL FORMAN PARTE DO PROBLEMA E DIFICILMENTE DA SOLUCIÓN. Sobre esta conclusión, no caso de ser compartida colectivamente, deberiamos facer un chamado ao conxunto do movemento obreiro e ás outras organizacións sindicais para que o asunto forme parte da axenda e dunha campaña nos vindeiros meses. Se non sabemos o que facer, como facelo e con quen, o futuro pinta mal para o sindicalismo e para os traballadores. Pode que o primeiro paso non nos leve a onde queremos chegar pero sairemos de onde nos atopamos.

 Outro tema central das organizacións sindicais do século XXI debera ser a resposta á seguinte cuestión: a maior competitividade e produtividade nunha economía globalizada significa que un núcleo pequeno de traballadores pode vivir do seu traballo, mentres a grande maioría deles vai perdendo unhas condicións de vida dignas? Se a saída da crise ten fundamento nunha resposta afirmativa a este paradigma, teremos que combatela. É máis, calquera política económica, fiscal e social deseñada para ser soportada nos ombreiros da clase traballadora -por moito que melloren os índices do crecemento económico-, será inxusta e pouco democrática. A pandemia pasará e deixará a moitos traballadores tirados e farán unha proposta tipo, volta a empezar nun clima do medo tanto polas novas condicións que van tratar de impoñernos para saír da desfeita como os que pasen o desemprego vía ERTES reconvertidos a ERES, ou mesmamente, quen xa non tiña traballo vai ser empurrado ás axudas. Por iso é conveniente debater tamén o que supón a renda básica universal aprobada recentemente.

 No ámbito laboral, como consecuencia do que está acontecendo, temos un tipo de empresa moi diferente á fábrica modelo do século XX. Temos unha normativa laboral mesmo aceptada en moitos dos casos pola representación sindical maioritaria no Estado español, vía pacto social ou na negociación colectiva. Ademais de caldo de cultivo para a inestabilidade das condicións socioeconómicas, a precariedade no emprego e a

desprotección social supuxeron unha colaboración para o fortalecemento na práctica da ideoloxía dominante e a implantación dunhas novas relacións no eixo capital-traballo.

 Cada vez máis traballadores -homes e mulleres- cualificados e non cualificados, profesionais e técnicos, caen na desprotección social.

 A normativa laboral xa foi moi baleirada de contido na súa protección diante da perda masiva de emprego nos axustes cíclicos que o capitalismo precisou. Isto explicaría que ás veces os traballadores, cansos da falla de respostas, traten de se inserir individualmente no chamado “mercado” cun obxectivo: conseguir unha solución converténdose en “autoempregadores”, proba do confusionismo ideolóxico. Ao facerse forte o individualismo e máis feble a idea do colectivo e as formas de expresión e de organización colectiva, os mecanismos clásicos e a solidariedade asociados á sociedade industrial móstranse cada vez máis fráxiles e ineficaces para cumprir con algúns mandatos da igualdade e xustiza social. Todos estes acontecementos obrigan a facernos a seguinte pregunta: a cultura obreira tamén está a mudar?

 Este é o marco no que se manifestan as contradicións de clase que están metidas de cheo na dinámica sindical de hoxe Neste contexto e con estes actores sindicais hexemónicos na representación sindical do Estado, vaise facer o diálogo social (coa patronal e o Goberno do Estado) para un novo Estatuto dos Traballadores. Todo apunta a unha reforma regresiva. A crise é política, sociolaboral e institucional, e por iso afecta tamén ao ámbito sindical, que precisa dunha revisión profunda antes de se instalar nun continuísmo suicida. Non será doado, mais si é necesario, explicar á clase traballadora a necesidade que hoxe temos de impulsar un cambio nas fórmulas de representar e como exercer a representación. Cada organización debe considerar o, que facer ou será superada polos acontecementos.

 A representatividade acadada pola CIG debería servir para empurrar na dirección dunha maior democratización do mundo do traballo. Hai outras alternativas sindicais que falan exclusivamente da lexislación electoral e dunha representatividade medida doutro xeito ou baixando o listón das esixencias porcentuais, seguramente para acadar o recoñecemento que polo de agora non teñen. No meu entender a prioridade é outra. O sindicalismo ten que ter unha mirada mais democratizadora das relacións laborais do conxunto dos traballadores. Propoñer só un marco lexislativo de conveniencia de parte non tería máis interese que acadar o obxectivo de ser máis representativo e por esta condición (entre outros recoñecementos): a representación institucional diante das Administracións Públicas e outros organismos ou entidades, lexitimación para a negociación colectiva de eficacia xeral, participación en sistemas non xurisdicionais de solución de conflitos de traballo, promoción de eleccións para delegados de persoal, comités de empresa e órganos correspondentes das Administracións Públicas, obtención de cesións temporais do uso de inmobles patrimoniais públicos nos termos previstos legalmente.

 O propio Tribunal Constitucional Español estableceu que: “a maior representatividade non vulnera o dereito de liberdade sindical por canto as vantaxes que dá esta condición constitúen un plus que favorece e potencia a acción sindical, pero que non priva os restantes sindicatos de ningún instrumento esencial para o cumprimento dos seus fins.

 Da mesma forma, tampouco pode entenderse que quede afectado o principio constitucional de igualdade (véxase igualdade diante da lei) xa que as diferenzas que se producen entre os sindicatos realízanse a partir dunha base obxectiva- os resultados electorais- e contan cunha xustificación tamén obxectiva- a mellor defensa dos intereses dos traballadores que se procura con este sistema”. A intención da cita anterior (do alto

tribunal) fíxena adrede para afortalar a miña valoración sistémica (sen estar de acordo no que di), e tamén para afirmar que na CIG debemos ser solidarios, mais non parvos, na relación cos demais sindicatos.

 É verdade que na acción sindical a táctica ten a súa relevancia, mais o importante ten que ser acadar os obxectivos estratéxicos que neste caso non serían outros que debilitar o duopolio sindical español e democratizar o mundo do traballo. Para facer o mesmo, teño moitas dúbidas da prioridade que ten para os traballadores o número de sindicatos que os representen.

 

 

[Galiza, 17 de xuño de 2020]

Volver