O Parlamento debaterá a ILP pola atención en galego presentada pola Mesa co apoio da CIG-Centros chamadas

As grandes empresas do sector deslocalizan os servizos e néganse a atender na nosa lingua
Nacional - 15 Dec 2017

O vindeiro 19 de decembro o Parlamento Galego debaterá a Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) de medidas para a garantía dos dereitos lingüísticos no ámbito socioeconómico, presentada pola Mesa pola Normalización Lingüística e da que foi impulsora a CIG-Centros de Chamadas.

A Iniciativa que promove a Mesa chega avalada por máis de 28.000 sinaturas. Estes miles de apoios case triplican o mínimo esixido. Ademais contaron con ducias de empresarios/as e persoas representativas do ámbito económico, cultural, político e social que avalaron e apoiaron esta iniciativa de lei. Con ela preténdese garantir que as persoas consumidoras e usuarias teñan o dereito a ser atendida e entendidas en galego se así o solicitaren.

As grandes empresas deslocalizan os servizos de atención telefónica á clientela cara a terceiros países castelán falantes e néganse a atender en galego á clientela que o solicita. Por unha parte vulneran dereitos das persoas galegofalantes e por outra negando a atención en galego as empresas destrúen emprego aquí. Foi por iso que xa fai dous anos que a Mesa e a CIG-Centros de Chamadas puxeron en marcha unha campaña divulgativa baixo o lema:  “Queremos atención en galego, queremos traballo aquí”. O xermolo desta ILP.

Dereito a recibir información en galego

Para pór fin ás vulneracións de dereitos lingüísticos lánzase esta ILP con catro artigos: o primeiro recolle o dereito das persoas consumidoras e usuarias a recibiren en galego toda a información, documentación e contratos sobre produtos e servizos, así como a seren entendidas e atendidas no idioma de Galiza polas empresas que lles prestan servizos ou subministran bens; o segundo artigo, vai dirixido a empresas que prestan servizos ás administracións públicas de Galiza, para que inclúan o galego na atención ao público; o terceiro artigo refírese á opción de facer unha valoración adicional de todas aquelas entidades que promovan a normalización da lingua e que preguen a contratación de servizos da administracións pública galega; por último, o cuarto artigo encoméndalle ao Goberno galego que desenvolva unha campaña de concienciación e información sobre dereitos lingüísticos nos medios de comunicación, con especial atención nos de titularidade pública.

Finalmente desde a Mesa indícase que “non pode ser que no ano 2017 a lingua galega sexa a única lingua do Estado que non conta cunha lexislación semellante para protexer quen usa o galego. Destacan que  “non pedimos nada que non estea aprobado xa para o eúskaro, catalán ou castelán”. No caso vasco os dereitos que contempla a ILP están recollidos no Estatuto das Persoas Consumidoras e Usuarias e no catalán no Código de Consumo de Cataluña

Para a entidade en defensa e promoción da lingua galega, argumentan que, como sempre aconteceu en relación a o noso idioma, é o enorme impulso popular quen vai conseguir unha mudanza práctica, real, para a nosa lingua, que debe comezar coa toma en consideración e agardamos que poida continuar coa aprobación da lei correspondente para finalmente poidamos contar cunha lei que garanta os dereitos de maneira práctica e medíbel.