O Parlamento galego rexeita a cláusula de garantía salarial para o persoal empregado público

Os votos en contra de PP e PSOE impediron aprobar a solicitude ao Goberno do Estado para instaurar por lei un mecanismo que impida a perda de poder adquisitivo
Nacional - 11 Mar 2026

O pleno do Parlamento de Galiza rexeitou na mañá do 10 de marzo, concidindo coa conmemoración do Día da Clase Obreira Galega, a Proposición Non de Lei promovida pola CIG-Administración Pública que procuraba a creación por lei dunha cláusula de garantía salarial para que os salarios públicos sexan revisados anualmente conforme ao incremento do IPC real.

Os grupos parlamentares do Partido Popular e Partido Socialista de Galiza votaron en contra de solicitarlle ao Goberno estatal a creación desta medida que permitiría frear a perda de poder adquisitivo que veñen sufrindo as traballadoras e traballadores das administracións públicas nas últimas décadas.

A proposta de Proposición Non de Lei (PNL) foi rexistrada co apoio de máis de 5.500 sinaturas de persoas traballadoras do sector público baixo o actual contexto de empobrecemento constante dos soldos na administración pública, que dende 2010 acumulan unha perda de capacidade adquisitiva que xa supera o 20%. “Os acordos de actualización salarial asinados en Madrid pola administración estatal co apoio de UGT, CCOO e CSIF afondan aínda máis neste empobrecemento. É evidente que a actualización do 2,5% para 2025 quedou moi por debaixo da suba do IPC no mesmo ano, que foi do 2,9%”, denunican dende a CIG-Administración.

Advirten que a situación é aínda máis preocupante para 2026 “no contexto bélico que se nos presenta e no que é máis que evidente que o IPC estará moi por enriba do 2% de aumento salarial que as centras sindicais españolas acordaron en Madrid”. Este "acordo a perdas" foi xa denunciado polos sindicatos CIG e ELA por vulnerar o dereito sindical á negociación, xa que foi asinado nos despachos do goberno en lugar de na Mesa Xeral de Negociación das Administracións Públicas, demostrando a falta de respecto polas traballadoras e traballadores e a súa representación sindical con dereito a negociar nesa Mesa.

Por todo isto, “fica máis que claro que o estabelecemento dunha cláusula de garantía salarial, vinculada ao IPC real e blindada por lei, debe constituír a base mínima sobre a que artellar futuros acordos salariais, co obxectivo de recuperar o poder adquisitivo perdido, e que as actualizacións salariais froito da negociación colectiva sexan subas reais e non fume que vender en notas de prensa”, aseveran.