O paro de maio de 1972 en Barreras (precedente clave da folga xeral na comarca de Vigo)

Manuel Mera - 09 Mai 2022

As protestas de solidariedade en marzo con Ferrol e a folga de Barreras en maio, e os debates abertos no seo do movemento obreiro respecto dos obxectivos e da folla de ruta, son antecedentes que é obrigado lembrar cando se valora a folga xeral de Vigo de setembro de 1972

 En maio de 1972 comeza conflito en Barreras que se estendería a outras empresas, polas enormes diverxencias que había entre a patronal e o persoal na negociación do convenio colectivo. No estaleiro había unha ampla presenza de CCOO, e comezaba a agromar Organización Obreira (OO). Neste contexto a dirección da empresa decide unilateralmente adiantar as vacacións ao 15 de maio (coa escusa de que había pouca carga de traballo). Argumentaba a patronal que faltaba traballo porque a chapa adquirida para construción da plataforma petrolífera non tiña os requisitos pactados, polo que tivo que facer un novo pedido, así como que a carteira de solicitude en motores era cativa. Os operarios ven nesta decisión unha manobra coa finalidade de negociar o convenio colectivo sen a presión da mobilización, polo que paran os días 9 e 10 de maio e presentan unha demanda na Maxistratura, na que alegan que as vacacións eran desfrutadas normalmente en xullo ou agosto.

 O día 15 de maio faise unha xuntanza na Casa Sindical desde as 6 ás 8 horas do serán, mentres os operarios agardan na planta baixa os resultados da negociación coa dirección da empresa. A patronal propón dar horas extras en troca do adianto das vacacións... Non hai acordo sobre este tema, nin sobre o convenio, xa que a empresa ofrecía un aumento do 8% e unha duración de 2 anos. Isto significaba que un peón pasaría das 214 pesetas a 229 ptas/día. As reivindicacións eran dun salario mínimo de 400 ptas, xubilación aos 60 anos, un mes de vacacións, semana laboral de 42 horas, pagas extras dun mes e reincorporación ao traballo dos sancionados por distintos motivos.

 O venres 19 proseguen as negociacións. A empresa solicita que se lle faculte adiantar as vacacións ao mes de maio, para unha primeira quenda, e ao mes de xuño para unha segunda, neste caso da división de motores. Ese día, como medida de presión do persoal, hai un paro parcial así como o día seguinte, mentres continúan as xuntanzas sen ningún resultado positivo. O día 22 continua a folga que é total, só algúns operarios traballan no barco “Toula”, porén ante a presión do resto do cadro de persoal incorpóranse ao paro. Ás sete e media do serán a dirección coloca un cartel na porta que di: a empresa pecha “por graves e reiteradas perturbacións de orde laboral que impiden o proceso normal de produción”. Esta medida de forza entraba dentro dos plans da dirección ao non lograr que se aceptase o adianto das vacacións, polo que a quenda das 20 hs. xa non puido traballar.

 O día 23 dado que as portas da factoría están pechadas os operarios deciden saír en manifestación e pedir solidariedade á clase traballadora. A marcha sería reprimida polas FOP (forzas de orde público), mais os/as traballadores vólvense reagrupar, percorrendo as fábricas da cidade. Pasaron por Santo Domingo, Armada, Cardama e Freire. Porén antes de chegar a Bouzas a policía armada interrompe a manifestación e dispersa a algúns operarios que posteriormente se xuntan ao groso da marcha, que xa atravesa o Polígono de Coia e antes de chegar a Citroën fai un alto para realizar unha asemblea. En Citroën chega a forza represiva en dous jeeps e corta a manifestación polo que se decide ir pola beirarrúa para evitar que seguisen cargando, mesmo así dan orde de dispersar. Decídese que a manifestación se dirixa ao estaleiro de Vulcano onde as FOP cargaron de novo, primeiro fronte ao estaleiro e despois no Toural. Algunhas persoas serían lesionadas.

 O día 24 seguirán as marchas dos operarios de Barreras. No resto das factorías bótanse panfletos e procúrase realizar asembleas a fin de acadar a solidariedade. Despois de xuntarse ás 8 da maña na porta da empresa fórmanse 3 manifestacións que se dirixen á Escola de Enxeñeira Técnica, Bouzas e á rúa Coruña, para ir despois todas elas cara a Vulcano. Un grupo que se manifestou no centro da cidade foi dispersado en varias oportunidades polas FOP, polo que optou por realizar saltos de pequenos grupos. As 6 do serán xuntáronse en Sindicatos para premer a negociación. Ese día houbo cartas de despedimento a algúns dos obreiros das contratas. Entre elas estaban Sonaval (93 persoas), PREFNAVAL (58 persoas). Pararon en solidariedade con Barreras: Álvarez e Yarza, así como Vulcano de 7 a 11 ½, Freire de 13 a 16 hs., e Vanosa de 11 ½ a 16 ½. O día 25 súmanse ao paro Refrey e Santo Domingo. O conflito ía a máis, e o día 26 xa había uns 6.000 traballadores/as en folga, porén faltaba que se sumase Citroën, que era a empresa máis grande de Vigo cun cadro de persoal de 4.500 operarios.

 Cada vez recorríase máis por parte dos obreiros aos “saltos”, ou sexa, a mobilizacións nun lugar determinado da cidade nas que se agrupaba a xente con toda rapidez e facían unha manifestación moi curta no tempo, a fin de evitar que chegase a policía, mallase nos manifestantes e fixese detencións. Tamén se realizaban cortes de tráfico, co material que houbese nos arredores, por exemplo material de obras próximas, bidóns, etc. A policía non andaba con contemplacións para reprimir estas protestas. Segundo un dos participantes: “así, no Calvario, cando un comando de traballadores cortou o tráfico, viñeron os ‘especiales’ e comezaron a repartir trancazos sen facer distinción se eran mulleres ou nenos... a indignación foi tan grande no barrio que a xente botáballes macetas desde os balcóns, unha das cales fendeulle a testa a un ‘especial’. Os detidos eran levados a comisaria e moídos a golpes, pisadas e patadas nas canelas”.

 O sábado, día 27, sae unha nota no xornal no que se dicía que o luns abrirían as portas de Barreras e se reiniciaría a negociación do convenio. O 29 achéganse os traballadores á empresa para reincorporarse, faise unha asemblea previa na que se informa que hai detidos, polo que se decide non entrar a traballar mentres non sexan liberados. Realízanse novas mobilizacións polas portas das factorías pedindo solidariedade. A folga esténdese axiña pola cidade, parando: Vulcano, Refrey, Freire, La Artística, Reyman, Santodomingo e outras, e por fin! detense a actividade totalmente en Citroën. Nesta última fábrica o Director, Juan M. Pombo Angulo e o xefe de persoal, Zapatero, intentan que continúe a actividade, porén ao non conseguilo deciden desaloxar a empresa despois de 3 horas de paro. Os empregados das oficinas, salvo algunhas excepcións, seguiron a choiar como se non pasase ren, polo que houbo que premelos para que sairán. Despois fíxose unha marcha e ao chegar a altura das rúas García Barbón e Pontevedra xuntouse con outra que viña de Barreras. O resto do día foi de saltos e comandos por toda a cidade. A última hora da tarde chegouse a un acordo coa dirección de Barreras sobre o convenio e son liberados os detidos.

 O historiador Bernardo Máiz destaca sobre este conflito que “o activismo, a propaganda, os “saltos” nas rúas e a creación de conciencia foran a máis entre os días 24 e 31 de maio en Vigo, medrando un novo xeito de entender a loita especialmente por obra de Organización Obreira (OO), grupo de expresión política monolingüe que nese mes tirou unha folla expresando que: pra conquistar a liberdade non hai outro camiño que escomezar de forma decidida a loita pra arrincar pola forza o que nos foi quitado. Unha dinámica nova no movemento obreiro”.

 Os anteriores son acontecementos e feitos que forman parte do proceso previo á folga xeral de setembro de 1972 en Vigo, como as mobilizacións en solidariedade na comarca coa represión do 10 de marzo no Ferrol, ou a folga en Talleres Kober tamén en Vigo no mes de abril, que permiten comprender mellor cal era o estado de ánimo e grao de conciencia da clase traballadora na bisbarra e Galiza. Tamén cal era o papel das forzas que tiñan presenza no movemento obreiro, concretamente o significado do avance de Organización Obreira, que competía e cuestionaba á dirección de CCOO en temas como unha saída pactada coa ditadura, e a cuestión nacional galega (aínda que neste tema o tempo deixou ao descuberto dúas correntes). Lembremos que naquela altura o PC tiña unha forte implantación e dirixía as CCOO, mais neste sindicato había comunistas, galeguistas, socialdemócratas... Daquela que non fose casual que a folga durase dúas semanas en setembro, que houbese un grao de mobilización e combatividade tan forte, que parasen máis de 20.000 traballadores e traballadoras de todos os ámbitos laborais (e tamén estudantes), e que houbese unha represión tan grande, nas empresas e na rúa por parte do capital e do réxime, dado a dimensión social e política que colleu o conflito. As protestas de solidariedade en marzo con Ferrol e a folga de Barreras en maio, e os debates abertos no seo do movemento obreiro respecto dos obxectivos e da folla de ruta, son antecedentes que é obrigado lembrar cando se valora a folga xeral de Vigo de setembro de 1972.

________________________________________________________________________________

Máis información sobre o tema:

* Terra e Tempo (voceiro da UPG) do mes de maio de 1972 realizase unha ampla crónica da folga de Barreras.

* Xornal El Pueblo Gallego.

* A Voz do Pobo, do PCG, números 10 e 11 de maio e xuño de 1972.

* O sindicalismo nacionalista galego 1972-1982, Bernardo Máiz e Bieito Alonso; CIG; ano 2003.

________________________________________________________________________________

 

[Galiza, 9 de maio de 2022]

 

https://obloguedemera.wordpress.com/