O parque de bombeiros de Coruxo queda, na práctica, inoperativo por falta de persoal

A sección sindical da CIG do concello de Vigo demanda unha solución ao goberno municipal por esta situación
Vigo - 17 Ago 2023

A sección sindical do concello de Vigo vén de denunciar que desde as 22:00h de onte até as 9:00 horas de hoxe só houbo 4 bombeiros no parque de Coruxo, cando tiña que haber 6;  que, no día de hoxe, entre as 9:00 e as 11:00h só houbo 2 e ningún condutor e que entre as 11:00 e as 22:00 horas volve haber, novamente, 4 bombeiros, incumpríndose así o aprobado pola corporación municipal. Por iso entenden que o parque estivo e está, na práctica, inoperativo. Perante estas circunstancias consideran que o parque debería de estar pechado pola propia seguridade dos bombeiros e dos cidadáns, como xa ten acontecido con anterioridade.

Non é a primeira vez que se denuncia unha situación semellante xa que, por falta de persoal, o parque ten mesmo permanecido pechado en anteriores ocasións, o que a sección sindical da CIG atribúe ao “desleixo e falta de responsabilidade por parte do goberno municipal en procurar unha solución a un problema crónico”.

Neste sentido, denuncia que a corporación “está a incumprir os mínimos por ela mesma aprobados para garantir de forma mínima a seguridade da cidadanía, a que se pon en serio risco ao aumentaren considerabelmente os tempos de resposta perante un posible sinistro”.

Para a sección sindical da CIG a gravidade desta situación é aínda maior perante a pasividade á hora de resolver un problema que se repite de forma reiterada.

Dotación de persoal

Xunto a isto lembra que as ofertas de emprego para dotar dos bombeiros necesarios o servizo, dos anos 2020-2021-2022- están sen executar e que a de 2023 “que podería estar xa en marcha está paralizada”. Por se isto fora pouco explican que tamén as bases das oposicións están paralizadas no departamento de Recursos Humanos desde o 30 de xuño do 2022.

Así as cousas, a sección sindical da CIG do concello de Vigo reclama do goberno municipal e do seu máximo representante “que utilicen dunha forma áxil a súa maioría absoluta para resolver dunha vez este problema crónico no Servizo de bombeiros de Vigo, tratando coa madurez suficiente este asunto, poñéndoo de forma prioritaria nunha axenda municipal ateigada de eventos con moito glamour e festividade”.