O peche temporal da cociña do Álvaro Cunqueiro confirma as denuncias sobre os recortes na calidade do hospital

O chan precisa unha reparación importante tras só cinco anos de funcionamento

Vigo -

A Unión Comarcal da CIG de Vigo lamenta que o peche temporal da cociña do hospital Álvaro Cunqueiro veña a confirmar as denuncias feitas no seu día a respecto dos recortes na calidade da construción do centro. O chan da cociña precisa dunha reparación importante tras só cinco anos de funcionamento, o que obrigará a traer a comida dende Zaragoza.

Dende a central sindical critican que o Sergas non informase sobre a decisión da empresa concesionaria de pechar a cociña e trasladar a comida en camións dende a capital aragonesa. Diante disto, esixen unha explicación pública do peche, cando menos por dous meses, da cociña e denuncian a “irresponsabilidade” da Xunta por deixar en mans de “fondos de investimento voitre” o coidado da saúde da poboación galega. 

A comida será trasladada en camións dende Zaragoza

Lembran que o hospital é propiedade dunha sociedade concesionaria que se encargou de elaborar o proxecto, construír o hospital e xestionar os servizos chamados non sanitarios, sendo a súa propietaria durante, cando menos, 25 anos. “É a sociedade concesionaria a que toma a decisión de pechar a cociña mentres o Sergas cala e non asume a súa responsabilidade sobre o que esta medida pode ocasionar na calidade do servizo que se presta ás persoas hospitalizadas”.

Neste senso, sinalan que o modelo de “colaboración público-privado” utilizado polo Partido Popular para financiar, construír e xestionar este hospital xa tiña demostrado a súa capacidade de xerar problemas, tanto de eficiencia económica como de capacidade de xestión. “A proba é o abandono do propio PP do proxecto de creación dun hospital co mesmo modelo en Monte Carrasco, Pontevedra”.

De feito, o cambio de proxecto en Vigo, de hospital 100% público a hospital propiedade dunha sociedade privada, tivo como consecuencia, entre outras, a diminución do tamaño do proxecto e a perda de calidade da construción para facilitar os beneficios dos accionistas da empresa concesionaria.

As cifras da vergoña

Segundo explican, a composición accionarial actual da concesionaria non ten nada que ver coa inicial, xa que na actualidade está en mans de fondos de investimento internacionais e empresas que “parasitan” servizos públicos privatizados:

Meridiam, fondo de investimentos en infraestruturas con sede en París: 43,3%.

Puentes y Calzadas (en mans de China Road and Bridge Corporation): 23,3%.

Veolia, empresa francesa con actividades en servizos públicos: 16,6%.

River Rock, fondo de investimentos con base en Luxemburgo: 16,6%.

Finalmente, censuran que se paguen de forma directa 73,4 millóns de euros dos fondos públicos por un hospital que se deteriora en cinco anos, Destes cartos, un total de 42,5 millóns son para devolver o custo da construción e 30,9 millóns pola xestión de servizos como a limpeza, o mantemento ou a lavandería, entre outros, segundo o proxecto de Orzamentos da Xunta para 2021.

“A esta cantidade hai que sumarlle os beneficios por explotacións comerciais como o aparcadoiro, a cafetería, as televisións das habitacións ou as máquinas de vending”, rematan.

Volver