O persoal bombeiro dos consorcios provinciais mobilizarase pola mala xestión dos procesos selectivos e os incumprimentos do convenio

Convocan unha manifestación o 4 de decembro en Carballo
Nacional - 28 Nov 2025

Os comités de empresa dos catro consorcios provinciais animan a todo o persoal bombeiro a manifestarse o próximo xoves 4 de decembro en Carballo para demandar procesos selectivos áxiles, que axuden á estabilización laboral, mais tamén para denunciar os incumprimentos do convenio colectivo e a falta de solucións aos problemas en materias como a prevención de riscos.

Con esta mobilización, sinalan nun comunicado, “queremos amosar a nosa repulsa pola nefasta xestión que se está a facer dende a xerencia do consorcio provincial contra incendios e salvamento da Coruña”. Mais tamén trasladarlle ás catro xerencias provinciais e á dirección xeral de emerxencias “que non imos permitir que xoguen cos postos de traballo dos nosos compañeiros e compañeiras, aprobando unhas bases totalmente inadecuadas, sen fundamento e ilóxicas, desaproveitando e non valorando a experiencia profesional adquirida”.

Compromiso de reforzar o persoal incumprido

Explican que no consorcio da Coruña se elaboraron unha bases que “lonxe de axudar a estabilizar o persoal temporal existente mediante un concurso-oposición que valore a experiencia e as capacidades do persoal aspirante, xeran un atranco na cobertura das prazas existentes, e establecen probas totalmente inadecuadas, sen fundamento e ilóxicas para o fin que perseguen: dar cobertura a 102 prazas de nova creación e 22 vacantes estruturais”.

Estes procesos selectivos foron comprometido polas administracións no acordo de desconvocatoria da folga e levantamento do conflito laboral e a contratación deste persoal tiña que estar materializa xa no ano 2024, co obxectivo de cubrir o exceso horario que as e os bombeiros dos consorcios realizan con respecto ao resto de persoal empregado público.

Falta de prevención

A isto súmaselle a “inexistente xestión en materia de prevención de riscos laborais”, a pesar de que o I convenio colectivo (asinado hai seis meses) establece un marco temporal para elaborar os procedementos de traballo que deben definir o número mínimo de persoal por quenda. “Isto non se está facendo, o que supón un incumprimento directo do acordado”, subliñan.

Pero a maiores denuncian que non se están a respectar tampouco outras materias recollidas no convenio “con interpretacións arbitrarias e interesadas por parte das xerencias dos consorcios provinciais”.