O persoal da Axencia Tributaria iniciará mobilizacións en demanda de melloras laborais e salariais

Nacional - 18 Abr 2024

A CIG, primeiro sindicato da función pública na Galiza, xunto a SIAT, UGT, CSIF e CCOO, convocou o persoal da Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT) a unha concentración o próximo 8 de maio en Madrid fronte á Dirección Xeral da AEAT (rúa Infanta Mercedes, 37), para emprazar a dirección do organismo a que negocie melloras laborais e salariais.

As organizacións convocantes xa avanzan que estenderán as mobilizacións a todo o Estado, coincidindo coa campaña da renda presencial, no caso de que continúe o bloqueo para reactivar o acordo para a carreira profesional, pendente de desenvolvemento desde o ano 2007, así como a negociación dun novo convenio colectivo. O actual convenio, apunta o responsábel do subsector da CIG, Xosé Henrique García Outeiral, data do ano 2006 e leva ano e medio denunciado.

Así llo trasladou a representación social na reunión mantida no día de onte, xoves 17, coa dirección da AEAT tras o conflito colectivo declarado o pasado día 4 de abril.

Exixir "xustiza salarial"

García Outeiral sinala que este conflito se promoveu "para exixir xustiza salarial na AEAT. Nos últimos 6 anos a dirección da AEAT dedicouse a conxelar a negociación colectiva para subir discrecionalmente as retribucións de quen máis cobran". Até o punto de que no 2023 "a Axencia Tributaria tiña os 1.265 funcionarios/as do grupo A1 que cobran os complementos específicos máis altos de toda a Administración Xeral do Estado".

O persoal da Axencia Tributaria reclama, así mesmo, o desenvolvemento do teletraballo e a negociación do servizo de atención telefónica, anunciado pola ministra María Jesús Montero, "que non quixo negociar as condicións laborais deste servizo en xornada de mañá".

Ademais, a representación social entende que se debe revisar os criterios de pago da produtividade, xa que o actual reparto prima ao colectivo de persoal inspector, discriminando ao resto do persoal .

Por último, reclaman melloras das condicións laborais para o colectivo de Vixilancia Aduaneira, catalogando este destino como profesión de risco "e reforzando os medios materiais e humanos desenvolvendo unha verdadeira policía fiscal, unha necesidade que se puxo en evidencia tras dos tráxicos sucesos en Cádiz".

As organizacións convocantes advirten que se a Axencia Tributaria non atende estas reivindicacións, "verémonos obrigados a estender as mobilizacións e non descartamos a convocatoria de folga en plena campaña da renda".