O persoal da central de coordinación do 061 denuncia a escaseza de material de protección laboral ante o COVID-19

Advirten que, de darse un caso de contaxio neste servizo, quedaría comprometida a atención telefónica
Nacional - 25 Mar 2020

O comité de Empresa dos operadores telefónicos da Central de Coordinación da FPUSG-061, que atenden as chamadas dos números 061 (urxencias sanitarias) e 900 400 116 (de información sobre o COVID-19), servizo concesionado á empresa Grupo Norte, denuncia a escaseza de material de protección laboral ante a pandemia do Coronavirus; que se está a tardar en repoñer os botes antisépticos de mans; e que as máscaras de protección non están chegando á totalidade do cadro de persoal. Esixen medidas de protección para evitar posibles casos que puideran comprometer o funcionamento dun servizo como este, imprescindible para a cidadanía.

Ademais destas cuestións, o Comité de Empresa denuncia que a bolsa de emprego está esgotada e que agora, de se contratar alguén de fóra, sería imposible proporcionarlle formación, xa que, por unha banda, está suspendida tras a aplicación do Decreto de Estado de Alarma e, pola outra, sería imposible facer as prácticas a dobre casco, para posibilitar que o persoal a formar poida ver como hai que atender e xestionar as diferentes situacións de emerxencia deste traballo, respectando a distancia mínima de 2 metros entre as persoas. Destacan a “falta de previsión ante unha posible situación de emerxencia sanitaria como a que estamos agora mesmo a padecer”.

Canda isto, na cuestión da limpeza, agora mesmo están a limpar os postos de traballo, cando sae algún dos traballadores/as e nos cambios de quenda, pero que existe unha escaseza de limpeza nas escaleiras do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias, nos espazos comúns e nos lavabos do edificio.

Incumprimentos do Grupo Norte

Xunto a isto, denuncian os incumprimentos de Grupo Norte no ámbito laboral co persoal operador desde que se fixo cargo do servizo no ano 2017, en relación a erros no abono dos obxectivos; no abono das nóminas do persoal que estivo de baixa por IT; no abono do Plus de Vacacións; nas liquidacións do persoal contratado como BackUp ou no cálculo das nóminas mensuais –ademais de atrasos no seu abono- e que sofren reiteradas ameazas de que non se vai levar a cabo o pago das mesmas.

O comité apunta, tamén, o incumprimento das axudas de ámbito social ao persoal; a escaseza de ferramentas de traballo imprescindibles para as traballadoras e traballadores, como uniformes ou cascos, e mesmo o impedimento de Grupo Norte ao persoal operador de colaborar en situacións de emerxencia sanitaria, como a actual, á hora de ofrecerse para ir traballar, como reforzo, cando as necesidades do servizo así o requiren.

Aplicación de medidas preventivas e abono das quendas

Diante destes incumprimentos, o Comité de Empresa demanda que se apliquen todas as medidas preventivas necesarias para a protección dos traballadores/as contra os riscos relacionados coa exposición a axentes biolóxicos e que se informe debidamente ao persoal das medidas a aplicar de se producir algún caso de COVID-19 na Central de Coordinación. Isto, xunto coa demanda de que se abonen as quendas a realizar polo persoal operador con motivo da situación de emerxencia decretada por mor da pandemia, como horas extraordinarias, segundo o estipulado no Convenio Colectivo de Contact Center.