O persoal da empresa Vertifil de Moraña amplía os paros en demanda de melloras laborais
O cadro de persoal de Vertifil Industrial, empresa con sede en Moraña, vén de anunciar a ampliación dos paros parciais para demandar unha serie de melloras laborais e medidas que garantan a carga de traballo. A medida de presión terá lugar dende o luns 27 de novembro até o sábado 2 de decembro durante as últimas catro horas de cada unha das tres quendas de traballo.
O comité de folga fixo o anuncio no transcurso da mobilización desenvolvida hoxe de 13:30 a 14:30 horas ás portas da compañía no polígono de Mirallos, coincidindo cunha nova xornada de paros parciais, tras a celebrada o pasado martes 21, tamén dende as 5:00 ás 7:00 e de 13:00 a 15:00 horas. As novas convocatorias están fixadas dende as 6:00 horas do luns 27 até as 6:00 horas do sábado 2 de decembro, durante as últimas catro horas de cada unha das tres quendas de traballo.
Dende o comité de folga salientan o feito de que a práctica totalidade do cadro de persoal de Vertifil está a secundar os paros, xa que só dous dos arredor de 60 traballadores/as optaron por non facelo, entre eles un dos responsábeis de mantemento.
O comité de folga tivo que presentar denuncia na Inspección de Traballo, xa que esta persoa está a realizar catro horas a maiores da súa xornada laboral, reemplazando a traballadores/as en folga “en conivencia coa dirección co fin de minimizar o seguimento dos paros, polo que a empresa está a cometer unha práctica desleal grave, tal e como establece a lexislación”. Polo que instan a autoridade laboral a retirar de xeito inmediato aos traballadores/as reemprazantes.
Finalmente, lembran que as principais reivindicacións do cadro de persoal pasan por adaptar os salarios á actividade e desenvolvemento profesional na empresa; adecuar as categorías profesionais; respectar os ratios de persoal por seccións; paralizar os despidos e a redución de persoal e garantir carga de traballo para a planta de Moraña.