O persoal da Escola de Música e do Conservatorio do Concello de Cambados reclama melloras laborais

A CIG-Ensino propón que os contratos sexan de 10 meses e que se incremente o prezo da hora de clase que se lle paga ao profesorado
Cambados - 19 Xun 2026

O persoal da Escola de Música e do Conservatorio municipais de Cambados reclama unha serie de melloras laborais que o equiparen ao resto de compañeiros/as doutros Concellos que xestionan directamente o servizo, entre elas aumentar a contratación a 10 meses e incrementar o pago por hora de clase.

O delegado de persoal da empresa Artarousa, Diego Rosal, da CIG, compareceu en rolda de prensa xunto a Marta Ferreiro, da CIG-Ensino, para denunciar a precariedade que padecen dende hai anos. Lembraron que se trata dun servizo privatizado, do que se encarga a empresa Artarousa, e que as persoas traballadoras son contratadas nove meses ao ano baixo a modalidade fixa descontinua, polo que non gozan de vacacións, e perciben un pago por hora inferior ao doutros/as compañeiros/as, como os de Vilagarcía, que desenvolven o seu labor nun servizo prestado directamente polo Concello. Outra das cuestións que puxeron sobre a mesa é o feito de ter que asumir traballos fóra das horas establecidas no contrato, como preparación de clases, titorías ou audicións.

Polo que os 13 profesores/as e a administrativa que integran o cadro de persoal demandan unha serie de cambios, como a contratación durante 10 meses, o aumento do prezo da hora de traballo, nóminas fixas que non dependan da cantidade de alumnado e melloras no sistema de substitucións e cobertura de baixas.

"Privatización é precarización"

Con este obxectivo, o delegado da CIG contactou coa empresa, que se nega a reunirse e a facilitar a documentación solicitada no mes de febreiro á que a representación legal das persoas traballadoras ten dereito. Ao mesmo tempo, instaron o Goberno local a incorporar estas cuestións no prego de condicións do concurso de adxudicación, xa que a nova licitación so servizo está prevista para o curso que vén.

Con todo, incidiron na aposta da central sindical pola remunicipalización da Escola de Música e do Conservatorio “porque toda privatización supón precarización” e puxeron como exemplo as condicións laborais do persoal de Vilagarcía, cuxo servizo é xestionado directamente polo Concello. “Os salarios son diferentes, a pesar de que a formación do profesorado e os requisitos sexan os mesmos”.