O persoal da limpeza dos hospitais de Ribeira, Vilagarcía e Cee segue en loita pola equiparación

As traballadoras desenvolveron esta semana xornadas de paro e mobilizacións para exixirlle ao Sergas que abra unha negociación
Nacional - 27 Nov 2025

As traballadoras do servizo de limpeza dos Hospitais do Barbaza, O Salnés e Virxe da Xunqueira continuaron esta semana co calendario de folgas e mobilizacións para exixirlle ao Sergas que abra unha negociación para avanzar na equiparación laboral e salarial, e que se lle apliquen as condicións que xa teñen recoñecida as compañeiras e compañeiros da limpeza dos hospitais de referencia.

O martes 25 e o mércores 26, o persoal de Vilagarcía e Ribeira  secundou paros de dúas horas (de 9:00 a 11:00 horas e de 15:00 a 17:00 horas) por quenda de traballo e desenvolveu concentracións ás portas dos respectivos hospitais. As folgas parciais repetiranse os días 3, 9, 10, 16, 17, 22, 23, 29 e 30 de decembro e, de non producírense avances, pasará a ter carácter indefinida a partir do vindeiro 7 de xaneiro

Mentres, as traballadoras de Cee fixeron unha protesta o mércores diante do centro hospitalario de Cee e acordaron en asemblea convocar novas xornadas de folga de 24 horas para os días 17, 18 e 19 de decembro, ademais de manter as concentracións para os mércores 3 e 10 de decembro, así como nos propios días de folga.

O persoal xa amosou a súa disposición a proseguir na mobilización até que a Dirección Xeral do Sergas se digne a convocar unha reunión e abrir unha mesa de negociación real que permita atender a demanda de equiparación salarial, que poña fin á desigualdade e á discriminación existente entre centros hospitalarios do Sergas.

Lembran que aínda que realizan o mesmo labor que as compañeiras e compañeiros doutros centros da área sanitaria, as súas condicións de traballo son inferiores ao non aplicárselles a equiparación laboral co grupo E. Neste senso, apelan á conmemoración esta mesma semana do 25 de novembro, día para a eliminación da violencia contra as mulleres, subliñando a que discriminación e a desigualdade sobre este colectivo, maioritariamente feminizado, tamén constitúe unha forma de violencia.

Denuncian a precariedade, a pobreza laboral e a infravaloración profesional que padecen e critican que sexa a propia Consellaría de Sanidade quen incumpra o principio de “a igual traballo igual salario” ao negarlles unha melloras que xa están recoñecidas noutros servizos.

Por iso, as traballadoras avanzan que continuarán na mobilización até que se poña fin a esta inxustiza.