O persoal da limpeza hospitalaria de Vilagarcía, Ribeira e Cee, en loita pola equiparación laboral e salarial

No Salnés e no Barbanza as traballadoras/es levan dous días de folga parcial, e no Hospital Virxe da Xunqueira e no de Vilagarcía hoxe desenvolveron concentracións
Vilagarcía/Ribeira/Cee - 12 Nov 2025

O persoal dos servizos de limpeza dos hospitais do Salnés (Vilagarcía), do Barbanza (Ribeira) e Virxe da Xunqueira (Cee) iniciou unha loita conxunta para exixir que, dunha vez, se equiparen as súas condicións salariais e laborais ás que xa teñen as compañeiras e compañeiros que prestan o mesmo traballo noutros hospitais.

No día de onte, o persoal de Vilagarcía e Ribeira iniciou unha xeira de paros de dúas horas por quenda que tanto na xornada de onte como na de hoxe están a rexistrar un seguimento total, malia os abusivos servizos mínimos impostos. A folga parcial e as mobilizacións repetiranse os días 18, 19, 25 e 26 de novembro e no mes decembro serán os días 3, 9, 10, 16, 17, 22, 23, 29 e 30.

No caso de Cee, a asemblea de traballadoras/es acordou realizar folga os días 19, 20 e 21 de novembro durante toda a xornada laboral e concentracións no hospital hoxe día 12 e o próximo 26 de novembro. No Salnés tamén tivo lugar unha mobilización pola mañá, mentres que no Barbanza celebrouse no día de onte. Dende o colectivo de limpadoras/es agradecen a solidariedade e o apoio do persoal sanitario, de mantemento e da cociña que participa nas protestas en sinal de apoio.

Os servizos de limpeza neste tres hospitais están externalizados e o persoal réxese polo respectivo convenio provincial da limpeza, polo que teñen condicións salariais e sociais peores que as das compañeiras e compañeiros que realizan o mesmo servizo nos hospitais de referencia da súa área sanitaria, xa que conta coas condicións equiparadas ás do SERGAS.

“Fan o mesmo traballo, e as mesmas funcións e responsabilidades, pero os salarios, permisos, descansos e a xornada son inferiores”, denuncia a CIG-Servizos. Este  desequilibrio xa foi corrixido en Burela e O Barco, mais que segue pendente de materializarse no O Salnés, Barbanza e Cee.

Hai meses, a CIG solicitou unha reunión coa Consellería de Sanidade pero a única resposta foi o silencio. Por iso, decidiuse avanzar colectivamente cara a unha solución que remate con esta discriminación inxustificada e que leve á equiparación real e total das condicións laborais.