O persoal da liña do aeroporto de Santiago acusa o Concello de someterse aos intereses de Monbus

Un dos condutores despedidos interveu no pleno grazas ás iniciativas da oposición
Santiago - 30 Xun 2021

O persoal da liña de autobuses entre Santiago e o aeroporto Rosalía de Castro acusou hoxe aos responsábeis municipais de someterse ao intereses de Monbus, “xa que cando propuxemos algunha solución que garantira os empregos sempre se desbotou reproducindo literalmente os argumentos da compañía”. Así o expresou un dos condutores despedidos durante a súa intervención no pleno do Concello grazas ás iniciativas presentadas pola oposición. No exterior, unha protesta convocada pola FGAMT-CIG insitía en reclamarlle ao alcalde e ao empresario unha solución ao conflito laboral.

David Rouco comezou a súa comparecencia agradecendo precisamente o apoio recibido dos grupos da oposición -BNG, Compostela Aberta e Partido Popular- e as tres iniciativas relacionadas co conflito laboral que presentaron, “e que nos permiten intervir novamente neste pleno”. 

Os afectados levan seis meses "terroríficos" ante o abandono dos responsábeis municipais

Rouco cualificou de “terroríficos” os seis meses que levan reclamando a volta aos seus postos de traballo e denunciou o “abandono” por parte dos responsábeis municipais e a súa submisión aos intereses de Monbus. “Sona duro, pero é que cando que propuxemos algunha solución que garantira os empregos sempre se desbotou reproducindo literalmente os argumentos da compañía”.

Tamén lamentou que o propio alcalde tivese asegurado publicamente que non tiñan dereito á subrogación, até o punto de acusalos de enganar á opinión pública. “Non dábamos crédito a esas atrevidas declaracións, como se comprobou logo coas sentenzas que dixeron exactamente o contrario”.

Sentenzas favorábeis

Lembrou que en abril chegaron as primeiras sentenzas, “que deixaron ao Concello e á empresa en evidencia”.·E no pleno aprobouse unha moción para que se mediara e se contara de novo con eles. Pero seguiron sen ter coñecemento das supostas xestións que estaba a realizar o concelleiro responsábel, nin recibiron resposta á solicitude de xuntanza co alcalde. “Tanto interese en falar de nós e tan pouco en falar con nós”, censuran. 

O propietario de Monbus abroncou ao Concello, en especial aos grupos da oposición, por non mercarlle o relato

Segundo explicou, os afectados souberon polos grupos da oposición que a xuntanza con Raúl López, propietario de Monbus, “serviu para abroncar ao Concello (pareceralle pouca a servidume), e en particular aos grupos da oposición, por non mercarlle o relato. Deron criterios xurídicos que unha vez máis son incertos, pero dos que o alcalde de Santiago volve a facer de altavoz nos medios de comunicación”.

Nesa reunión o empresario sostén que non se pode readmitir os traballadores “porque readmitir a uns si e a outros non prexudicaría a súa posición, porque aos familiares de Freire non teñen intención de os coller”. Pero Rouco aclarou que se trata de demandas e sentenzas individuais que permiten esa posibilidade, “absolutamente legal, e en nada prexudica nin beneficia a posición xurídica de ninguén actuar en cada caso segundo interese”.

Por iso considera que con esa posición Monbus só pretende xustificar a súa postura antisindical, “pero o que non entendemos é como un representante público, sen o mínimo contraste xurídico, o pode difundir”.

A única liña problemática

Tamén comentou que nesa reunión asegurouse que se lles vai dar traballo aos condutores despedidos, “pero máis dun mes despois ninguén se puxo en contacto con nós para dicirnos cando se supón que imos traballar, onde se supón que imos traballar e que tipo de contrato se nos vai facer; mentres na liña do aeroporto seguen contratando xente, cinco persoas no último mes”.

Finalmente, sinalou que a liña do aeroporto é precisamente a única do transporte urbano que está a dar problemas “e na que quedan usuarios/as en terra un día si e outro tamén. Como xa dixemos moitas veces, un despropósito que non se quere reverter”.