O persoal da louseira Irosa convoca una manifestación para evitar o peche da empresa por orde xudicial

A mobilización en defensa do emprego terá lugar este venres 22 no Barco
Valdeorras - 21 Set 2023

O cadro de persoal da louseira Irosa, con sede en Carballeda de Valdeorras, está a desenvolver mobilizacións para evitar o peche da empresa por decisión xudicial. Para este venres 22 teñen convocada unha manifestación no Barco ás 19:00 horas para reclamar unha solución que garanta o mantemento de máis de 250 empregos.

Dende a CIG-Construción explican que a autoridade xudicial presentouse este martes nas instalacións de Irosa para executar unha sentenza contra a  empresa a raíz dun litixio que mantén polos terreos coa Comunidade de Montes da localidade.

A decisión implicaba o desafiuzamento e conseguinte peche das dúas empresas do grupo, Samaca e Irosa, que empregan a máis de 250 persoas. A primeira delas foi finalmente clausurada, pero no caso da segunda, que é onde que se atopan as naves de produción, os operarios/as foron quen de paralizar o peche.

Durante esa xornada os afectados/as optaron tamén por desenvolver unha concentración espontánea nas rúas do Barco, mentres que onte pola mañá cortaron a estrada á altura da empresa. Unha vez rematada a accións de protesta dirixíronse até o domicilio do presidente da Comunidade de Montes e lograron falar con el para propoñerlle manter unha reunión co empresario co obxectivo de paralizar o peche das dúas empresas.

Dende a central sinalan que os propios/as traballadores/as sosteñen que queren manterse á marxe do conflito xudicial, xa que o único que pretenden é defender os seus postos de traballo. Para iso é fundamental que a situación se resolva canto antes para evitar a paralización da produción, “pois sería fatal de cara ao mantemento dos empregos”.