O persoal da louseira Irosa-Samaca retoma as protestas ante o próximo desaloxo da empresa

Traballadores/as mobilizáronse hoxe nos xulgados do Barco de Valdeorras para reclamar axilidade co recurso da compañía
O Barco - 20 Out 2023

O cadro de persoal da louseira Irosa-Samaca do Barco de Valdeorras retomaron hoxe as mobilizacións en demanda dunha solución que permita o mantemento da actividade e dos seus empregos tras a sentenza que obrigou o desaloxo das instalacións por un litixio da compañía coa comunidade de Montes de Portela e Trigal. Deste xeito, os traballadores/as desenvolveron unha concentración ás portas dos xulgados da localidade para reclamar axilidade á hora de resolver o recurso presentado pola compañía.

 

Dende o comité de empresa, presidido pola CIG, explican que decidiron retomar as protestas tras telas suspendido a petición da dirección de Irosa-Samaca mentres mantiña negociacións encamiñadas a solucionar un conflito que mantén un centro de traballo clausurado e ameaza con paralizar tamén outro, o que afectaría a arredor de 250 postos de traballo directos. “Pero pasaron xa dúas semanas e seguimos sen información por parte da empresa e do xulgado, así que os traballadores/as non queren agardar máis tempo”, sinalan dende a Unión Local da CIG do Barco.

A decisión xudicial implicaba o desafiuzamento e conseguinte peche das dúas empresas do grupo, Samaca e Irosa. A primeira delas foi finalmente clausurada, pero no caso da segunda, que é onde que se atopan as naves de produción, os operarios/as foron quen de paralizar un peche que agora está fixado para o vindeiro 29 de novembro. Por iso os afectados/as non queren agardar a que chegue esa data sen ter unha solución enriba da mesa que lles permita conservar os seus empregos.

Coa protesta de hoxe demandan “axilidade xudicial” á hora de resolver o recurso presentado pola empresa contra a sentenza porque “Non se pode consentir este mazazo para o emprego na comarca de Valdeorras e na provincia de Ourense”, tal e como denunciaron hoxe dende o comité de empresa durante a mobilización, que se desenvolveu ao berro de “Irosa solución”, “Queremos traballar” e “Irosa non se pecha”.

Situación de inxustiza

Pola súa banda, o secretario comarcal da CIG de Ourense, Anxo Pérez Carballo, que participou na concentración asegurou que desconfían de que as negociacións para salvar a empresa estean a avanzar “porque este tema, en teoría, estaba solucionado en marzo, cando se expropiaron os terreos, e sen embargo o 19 de setembro púxose en marcha o procedemento para executar a sentenza de desafiuzamento”.

Neste senso, insistiu en que se hoxe Irosa mantén a actividade “é exclusivamente porque os traballadores/as se plantaron e botaron fóra aos que ían desafiuzar a empresa, senón estarían precintadas e a xente estaría pedindo o paro”.

Ao mesmo tempo, denunciou a “inxustiza que supón que nestes momentos haxa cerca de 5 millóns de euros en lousa na explanada de Samaca que están totalmente cautivos xa que Irosa non pode vender material porque está en terreos desafiuzados”.