O persoal da recollida do lixo do Salnés urxe a introducir unha cláusula de revisión salarial nos pregos do concurso

Os traballadores/as de Valoriza, concesionaria do servizo, mobilizáronse onte en Cambados coincidindo coa asemblea de delegados/as da CIG
O Salnés - 20 Abr 2023

O cadro de persoal de Valoriza, concesionaria da recollida de residuos sólidos urbanos da Mancomunidade do Salnés -que presta este servizo en Meis, Cambados e Vilanova- urxe a introducir unha cláusula de actualización salarial nos pregos de condicións do concurso, para non perder poder adquisitivo mentres non se renova o convenio colectivo. Os traballadores/as percorreron onte as rúas de Cambados nunha manifestación que contou cos delegados/as da CIG que participaron na asemblea comarcal do Salnés para abordar os principais aspectos da última reforma das pensións.

Segundo explica o responsábel da CIG-Salnés, Anxo Lúa, a representación sindical e a empresa achegaron posturas na negociación do convenio a respecto da suba salarial”, aínda que a oferta económica de Valora n on é suficiente para pactar un convenio con garantías a máis de dous anos. A proposta contempla un incremento de soldos do 9,5% en 2023 e 2024 e que as pagas extraordinarias pasen das dúas e media actuais a tres.

“O problema é que unha vez que remate a concesión, en abril de 2025, e até que non se asine un novo convenio os empregados/as perderán poder adquisitivo ao non existir cláusula de revisión salarial conforme ao IPC”, sinala Lúa. Por iso reclámanlle á Mancomunidade que a introduza nos pregos de condicións do concurso, “e deste xeito evitaremos que acontece como até o de agora, que os traballadores/as levan sen suba salarial dende que caducou o convenio en decembro de 2016”.

Esa foi precisamente a principal reivindicación da manifestación celebrada onte dende o local municipal no que se celebrou a asemblea de delegados/as até a sede da Mancomunidade do Salnés. “Mancomunidade solución” e “Convenio xusto, salarios dignos” foron os berros que máis se escoitaron durante o traxecto.

A CIG iniciara un calendario de mobilizacións o pasado 3 de marzo para reclamar a negociación dun convenio digno cunha protesta diante do Concello de Meis, celebrando posteriormente novas concentracións ás portas dos de Cambados e Vilanova os días 9 e 16.

Atraso nas negociacións

Valoriza fíxose cargo do servizo en 2021, tras o que tivo que subrogar os traballadores/as, que contan cun convenio de empresa que venceu en decembro 2016. O contrato da anterior concesionaria, Celta Prix, fora rescindido por incumprimento do prego de condicións do concurso, e até que Valoriza asumiu a concesión foi Urbaser a que se encargou do servizo mediante contratos de urxencia de seis meses de duración.

Nese tempo Urbaser negouse a negociar o convenio alegando que non era a empresa adxudicataria do servizo, ao tempo que o atraso na constitución da Mancomunidade tras as eleccións dilataron aínda máis o proceso.

Os traballadores/as, fartos/as da situación, contactaron coa CIG en 2021, que promoveu eleccións sindicais, obtendo o delegado/a de persoal que se escollía. En maio de 2022 a central sindical denuncia o convenio para proceder á súa renovación coa idea de actualizar os salarios conxelados dende decembro de 2016, pero a empresa dedicouse a adiar as negociacións, polo que o persoal optou por iniciar as protestas.