O persoal da recollida do lixo e limpeza viaria do Concello de Vilagarcía mobilízase para reclamar a renovación do convenio

Desenvolveu unha concentración a semana pasada que repetirá este venres, e baralla comezar con paros se a empresa non accede a negociar
Vilagarcía - 10 Xul 2023

O cadro de persoal de Urbaser, concesionaria do servizo de recollida do lixo e limpeza viaria do Concello de Vilagarcía comezou este venres as mobilizacións para reclamar a renovación do convenio colectivo, que leva caducado dende decembro de 2021. A primeira protesta consistiu nunha concentración diante do consistorio, que se repetirá este próximo venres; mais no caso de que a dirección non acceda a negociar optarán por convocar paros.

Dende a representación da CIG na empresa explican que unha vez se produciu o cambio da adxudicataria do servizo hai dous meses puxéronse en contacto coa dirección da compañía para trasladarlle a necesidade de renovar o convenio, “pero néganse a negociar até despois do verán, sen ter en conta que arrastramos unha situación de precariedade dende hai anos, cunha perda de poder adquisitivo de preto do 18%”.

En consecuencia, o cadro de persoal non está disposto a agardar máis e optou por iniciar un calendario e mobilizacións, “nun primeiro momento fóra do noso horario laboral para non prexudicar a veciñanza”. Así, os traballadores/as desenvolveron unha primeira concentración diante do Concello para visibilizar a súa problemática, protesta que repetirán este venres 14 no mesmo lugar.

“Pero se a empresa non se senta convocaremos paros de media hora o venres seguinte, que poderán endurecerse non caso de que a empresa non acceda a negociar; iso é o único que reclamamos, poder iniciar as conversas para renovar o convenio”, rematan.