O persoal da refinería da Coruña inicia mobilizacións contra o ERTE anunciado pola empresa

A medida, cunha duración de seis meses, afectaría a 212 traballadores/as
A Coruña - 09 Abr 2021

Traballadores e traballadoras da refinería de Repsol na Coruña iniciaron este venres mobilizacións en rexeitamento á decisión da empresa de aplicar un ERTE de seis meses de duración que afectaría a 212 persoas. Esta primeira protesta foi acordada na reunión extraordinaria que celebrou o comité tras da comunicación da empresa e nela xa se adiantou que a mobilización se repetirá os venres das dúas próximas semanas.

A sección sindical da CIG subliña que non hai motivos nin produtivos nin organizativos para levar adiante unha regulación de emprego na refinería da Coruña "na que non sobra ninguén" e menos aínda "cando o horizonte de mellora da situación económica parece que irá ligado a un avance na vacinación da poboación mundial, feito que se está a producir agora mesmo”.

Neste senso, Ventura Agis, secretario da sección sindical da CIG, salientou a incongruencia desta medida "cando a semana que vén se van pór en marcha unidades como a de FCC na parcela de Conversión 1" e lembrou que hai un ano, en pleno confinamento e unha situación sanitaria moito peor, "os traballadores e as traballadoras fixemos un esforzo enorme para estar a doce horas".

Por iso, Agis advirte que esta medida haina que enmarcar no proceso de negociación do Acordo Marco "no que a empresa pretende roubarnos dereitos laborais, aplicar unha rebaixa salarial do 10% e eliminar conceptos como a antigüidade". Este Acordo Marco afecta a todas as empresas do grupo e unha vez negociado, dáselle traslado nos diferentes convenios colectivos.

"Non podemos permitir esta chantaxe da empresa, que quere amedrentar o persoal a través dun ERTE totalmente inxustificado" , aseverou, adiantando que o persoal continuará coas mobilizacións "até lograr paralizar este despropósito".

Nesta liña, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, denunciou que o ERTE de Repsol "é un novo exemplo de como a non derrogación da reforma laboral pon en risco a continuidade dos postos", criticando que o goberno español manteña plenamente vixente unha reforma que se comprometeu a tombar, precisamente cando afrontamos unha nova crise social e económica, derivada da pandemia, pero que en Galiza ten máis fondas consecuencias a causa da crise industrial na que xa arrastrabamos previamente.

A empresa non fai os investimentos necesarios

Dende a sección sindical da CIG recalcaron tamén que levan tempo solicitándolle a empresa información e investimentos no centro de traballo da Coruña para adaptar as instalacións ao novo marco imposto pola Lei de Transición Enerxética e criticaron o abandono das instalacións por parte da compañía.

Nesta liña, Carril cualificou o ERTE de "auténtica obscenidade, tendo en conta que estamos falando dunha empresa con millonarios beneficios e que esta medida se adopta en pleno proceso de transición enerxética, sen que Repsol teña previsto, no seu plan estratéxico, ningunha inversión para este centro como si ten anunciado para outros complexos industriais".

Non hai que perder de vista que  o conselleiro delegado de Repsol, Josu Jon Imaz, e a directora do complexo da Coruña mantiveron recentemente unha xuntanza co presidente da Xunta de Galiza “da que os traballadores e traballadoras non temos ningún tipo de información concreta dos temas tratados e de como nos afectan”.

Por iso mesmo, o secretario xeral da CIG  valorou que Núñez Feixoo "ten que dar contas de a que se debe este ERTE e esta ameaza ao emprego, anunciada despois da reunión que tivo coa dirección de Repsol". De igual xeito, acusou o presidente da Xunta de ser cómplice da empresa, "ao non atender as reivindicacións que lle facemos sobre a necesidade de pór en marcha unha política industrial para abordar as medidas de transición para a refinería".

A CIG considera que este ERTE é un exemplo máis de como o proceso de descarbonización está a ser pilotado polas empresas, sen que existan a día de hoxe políticas públicas para afrontar esta transición de maneira xusta para o noso país. "E non só iso, senón que as políticas que se aplican van destinadas a facilitar medidas empresariais como a que anunciou Repsol".