O persoal da refinería mobilízase contra a destrución de emprego e a falta de investimentos

As asembleas de traballadores/as tamén acordou a convocatoria de folga en resposta á precarización das condicións laborais
A Coruña - 13 Mai 2026

Traballadores e traballadoras da refinería da Coruña mobilizáronse este mércores contra os recortes de persoal e o deterioro das condicións laborais e para reclamarlle a Repsol un plan de investimentos no complexo industrial da Coruña. A protesta foi convocada pola CIG tras a decisión da asemblea de traballadores e traballadoras que tamén acordou iniciar os trámites para ir á convocatoria de folga a finais deste mes.

Estas medidas están apoiadas por tres asembleas e un referendo no que 320 persoas votaron a favor da folga fronte a 47 votos en contra, “manifestándose así de maneira clara o malestar que existe entre o persoal e o apoio maioritario ás mobilizacións”.

Non obstante, a CIG lamenta que, a pesar do respaldo contundente do persoal, as condicións impostas polo resto da representación sindical no complexo impiden que a convocatoria se poida realizar de forma conxunta dende o propio comité (7 CIG, 4 CCOO, 3 UGT, 2 STR e 1 USO).

A sección sindical da CIG advirte que o deterioro das condicións laborais resulta “cada vez máis evidente”, converténdose as prolongacións de xornada de 12 e 16 horas nunha práctica habitual. Á falta de persoal suficiente súmanse recortes como os executados recentemente na unidade de Coque “e unha organización baseada na improvisación e no caos que están a incrementar a tensión e o malestar entre as traballadoras e os traballadores”.

Neste senso, subliñan que o acontecido en Coque nas últimas semanas “é o mellor exemplo da falta de planificación e da irresponsabilidade coa que a empresa está actuando, tomando decisións precipitadas sen explicar como se van garantir as condicións de seguridade nin como se van executar determinados procedementos operativos coa redución de persoal”.

Por iso, a CIG anima a todo o persoal a dar unha resposta contundente  a estas prácticas empresariais e ao tempo reclamarlle á Repsol un plan industrial inmediato, público e con garantías, con investimentos reais na refinería da Coruña e un proceso de transición enerxética xusta “que non sexa unha escusa para precarizar e destruír postos de traballo”.