O persoal da sanidade privada pontevedresa convoca protestas por un convenio con dereitos

A patronal négase a aceptar as melloras que reclama o colectivo

Pontevedra/Vigo -

O cadro de persoal da sanidade privada da provincia de Pontevedra anunciou hoxe un calendario de mobilizacións para reclamar un convenio colectivo que recolla unha serie de dereitos que melloren as condicións laborais. Porque a pesar de que transcorreron máis de dous anos dende que se denunciou o convenio aínda vixente a patronal négase a aceptar as melloras que precisa o colectivo.

As traballadoras/es afectadas/os polo convenio colectivo provincial pontevedrés do sector de Hospitalización Privada e Internamento sairán á rúa este mércores en Vigo tanto pola mañá como pola tarde para desenvolver mobilizacións no centro psiquiátrico El Pinar, na estrada vella de Madrid, ás 11:30 horas, e no centro médico-cirúrxico Concheiro, na Avenida de Madrid, ás 16:00 horas.

Xa que segundo explicaron hoxe en rolda de prensa as organizacións sindicais CIG, CCOO, UGT e CSIF “tras máis de dous anos dende a denuncia do convenio aínda vixente, e tendo sufrido unha crise sanitaria na que todo o persoal traballador se deixou a pel, a patronal continúa sen querer recoñecer nun convenio as melloras que este colectivo precisa”.

En concreto, denuncian que o empresariado se nega a negociar as propostas da parte social de incluír cláusulas de garantía salarial no convenio que eviten a perda de poder adquisitivo das traballadoras/es.

Soldos por debaixo do SMI

Tampouco está disposto a regularizar as táboas salariais, nas que continúan existindo categorías con soldos por debaixo do SMI. E Condiciona un posíbel incremento salarial (propoñen un 0,8% anual) á renuncia da parte social de negociar a xornada anual, “que leva sendo a mesma dende hai máis de oito anos”.

Por iso consideran que chegou o momento de saír á rúa reivindicar os dereitos laborais. “Durante a pandemia evidenciouse o esenciais que son as nosas profesións, polo que é hora de recoñecelas nun convenio digno”, rematan.

Volver