O persoal da UCI de Adultos do hospital Clínico reclama Cero Discriminación para a unidade

Levan máis de 100 días en folga indefinida sen que a Xerencia do CHUS atendera as súas demandas
Compostela - 01 Mar 2021

O persoal da Unidade de Coidados Intensivos de Adultos (UCI-A) do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela, en folga indefinida desde o 16 de novembro, mobilizouse novamente esta mañá, no día mundial da Cero Discriminación -proclamado pola Asemblea Xeral de Nacións Unidas no ano 2013- para reclamar á Xerencia que “deixe de aplicar o abandono e esquecemento a este servizo”.

No decurso da mobilización lembraron que a xornada Cero Discriminación xorde porque en moitos países as leis crean diferenzas no trato entre as persoas. “Os nosos doentes merecen uns coidados en iguais condicións de calidade e dignidade que noutros hospitais onde non se aplica unha política de aforro abafante. A súa saúde e o seu benestar non pode depender dunha Xerencia que queira presumir de cifras de xestión”, denunciaron.

As traballadoras e traballadores dos servizos de críticos e concretamente os da UCI séntense discriminados por mor da falta de formación que padecen e que veñen demandando desde hai meses. “O noso é unha autoformación constante en técnicas e en aparataxe. Tanto servimos para un roto como para un descosido, por iso, se nos mobiliza por diferentes servizos do hospital a prestar coidados nos que non contamos con formación axeitada”, aseguraron.

O persoal tamén se sente discriminado pola falta de medidas preventivas na actual UCI o que provoca que teñan que asumir importantes riscos laborais “comprometendo a nosa seguridade persoal e a dos nosos doentes”.

Do mesmo xeito denuncian que contan con “penosas condicións de traballo e acusada precariedade laboral” e que “todo isto ten repercusións na calidade asistencial pola cal estamos loitando os traballadores desta unidade”.

Por iso durante a concentración rexeitaron a discriminación de doentes da UCI e denunciaron que “esta Xerencia, discrimina e non pon en valor a doentes nin a traballadores e traballadoras da UCI”.