O persoal da UTE Atlántica irá a folga os días 12 e 26 de novembro para esixir melloras laborais e sociais

A empresa ten adxudicado o servizo de limpeza de contedores da Coruña
A Coruña - 09 Nov 2021

Os traballadores e as traballadoras da UTE Atlántica, empresa que ten adxudicado o servizo de limpeza, reparación e mantemento de contedores do Concello da Coruña, acordaron ir á folga os días 12 e 26 de novembro para esixir melloras laborais e sociais e igualdade de condicións para o conxunto do persoal.

A folga iniciarase ás 23:45 do xoves 11 (coincidindo coa entrada da quenda de noite) e afectará a totalidade do persoal, integrado por 30 traballadores e traballadoras.

A representación social leva meses negociando coa empresa (unha UTE integrada por Sacyr, Arias Infraestructuras e Sulo Iberica SA) un convenio colectivo que recolla melloras salariais e laborais e que permita equiparar ademais as condicións entre o conxunto dos/as traballadores/as, xa que o persoal de nova incorporación ten condicións económicas e sociais máis cativas, ao non aplicarlle, por exemplo, a empresa dereitos como o 100% da cobertura por accidente laboral e enfermidade común.

O delegado de persoal, Argimiro Quintáns, critica a falta de vontade da UTE para chegar a un acordo cando "estamos pedindo melloras salariais para as categorías máis baixas, que teñen salarios que non superan o SMI, e cando pedimos rematar coas desigualdades e discriminacións entre traballadores e traballadoras que realizan a mesma actividade".  Porén, as propostas que trasladou a patronal ao longo destes meses de negociación non colman as aspiracións da parte social, por canto non garanten o mantemento do poder adquisitivo dos salarios e tampouco a extensión da cobertura social ao conxunto do persoal.

Critica tamén o decreto de servizos mínimos ditado polo Concello da Coruña por excesivo e por non garantir o exercicio real do dereito fundamental á folga, ao impor un 40% do cadro de persoal en activo. A CIG xa presentou alegacións a este decreto xa que o servizos establecidos nalgunhas das actividades son superiores ás que fan nunha xornada ordinaria.