O persoal das ambulancias do Salnés non distribuirá os pacientes polo interior do hospital a partir do 1 de xuño

Suplen a carencia de celadores/as obrigándoos/as a asumir unha labor para a que non teñen formación
O Salnés - 30 Mai 2018

Os técnicos/as do transporte sanitario non urxente do Salnés decidiron que a partir deste venres 1 de xuño deixarán de trasladar os pacientes e usuarios/as dende os vehículos até o interior do hospital comarcal para distribuílos/as nas distintas consultas, departamentos ou servizos. Os representantes sindicais denuncian que o Sergas está a suplir a carencia de celadores/as no centro sanitario obrigando a estes/as traballadores/as a asumir unha función para a que non recibiron formación específica, poñendo mesmo en perigo a saúde das persoas que transportan.

O anuncio foi feito este venres en rolda de prensa polo secretario comarcal da FGAMT-CIG de Pontevedra, Xavier Aboi, que compareceu diante dos medios de comunicación acompañado por delegados sindicais da central no transporte sanitario urxente e non urxente. Tanto Aboi como os representantes do persoal consideran que este xeito de proceder constitúe unha neglixencia do hospital e da empresa concesionaria, xa que normalmente en cada servizo trasládase a varias persoas ao mesmo tempo, polo que mentres se leva a unha delas ao interior do centro sanitario a outra ten que permanecer soa no interior do vehículo.

Denuncian que mentres trasladan un paciente ao interior do hospital outro/a ten que quedar só na ambulancia

Segundo explica o responsábel da FGAMT-CIG de Pontevedra, hai varios anos que veñen mantendo xuntanzas co xerente da EOXI para abordar esta situación, xa que esta non é unha función que teñan que levar a cabo uns traballadores/as que non recibiron formación específica neste sentido, non posúen equipos de protección individual e non teñen por que coñecer todo o hospital.

“A empresa di que non pode poñer máis persoal porque economicamente non é viábel, e mentres o hospital aforra en celadores/as. Levamos dous anos denunciando esta situación, e o propio xerente comparte a nosa queixa e di que temos toda a razón, pero parece que queren aforrar cartos á costa deste hospital e da poboación do Salnés”, explica Aboi.

Polo tanto, a única saída que lle queda ao persoal é deixar de facer esta función por responsabilidade cos enfermos/as, decisión que xa lle foi comunicada por escrito tanto á Xerencia da EOXI como á propia empresa. “Cando levamos un paciente en padiola e outro en cadeira, por exemplo, e mentres baixamos un o outro/a queda só na ambulancia agardando. E estamos obrigados a apagar a ambulancia e pechala, e iso nun día de verán con máis de 30 graos é contraproducente para os pacientes”, denuncian os propios/as traballadores das ambulancias.

Só nos servizos non urxentes

Con todo, queren deixar moi claro que “entraremos con eles/as no hospital para que alguén se faga cargo, non os imos deixar na porta e marchar, o que non imos facer é distribuílos nas consultas ou nos departamentos aos que se dirixen”. Ademais, aclaran que non se trata das ambulancias de urxencia, só das de servizos non urxentes. “Chamaremos a celadores/as, enfermeiras/os ou médicos/as para que se encarguen de levalos ás áreas correspondentes, pero nós non o imos facer porque somos responsábeis das persoas que trasladamos”.

En Pontevedra xa se está a facer deste xeito e non houbo ningún problema, ao igual que en Santiago. “Non pasa isto en todos os hospitais, xa que en Montecelo e no Provincial de Pontevedra, por exemplo, temos unha zona onde deixamos os pacientes e logo o persoal do centro faise cargo; pero aquí non, poñen en risco a súa saúde porque queren cubrir as carencias de celadores/as no hospital do Salnés co persoal das ambulancias; e impiden que fagamos o noso traballo, que é facernos cargo dos pacientes mentres están no interior das ambulancias”, sosteñen.

“É indignante que algún miserábel non dote o hospital do Salnés de máis persoal por aforrarlle catro euros á Consellaría de Sanidade; non se pode desatender os pacientes, e estase a prestar un mal servizo aos usuarios/as”, remata Aboi.

Ambulancia medicalizada

Ao mesmo tempo, lembra que tamén dende hai anos que reivindican a mellora do servizo de transporte sanitario na comarca do Salnés, e critican que a Xunta nunca se atravese a dar un un paso adiante. “Intentou remendar coa concesión de media ambulancia máis, que mellorou algo o servizo, sobre todo porque é unha ambulancia pública e non está en mans de Protección Civil, xa que antes había unha especie de carreira a ver quen chegaba primeiro”.

Segundo indican, os datos amosan que é necesario dotar a comarca do Salnés dunha ambulancia medicalizada os 365 días do ano. “Téñeno fácil porque hai unha UVI móbil dispoñíbel, pero téñena que dotar de persoal permanente, non de garda nas súas casas. Só así mellorará o servizo non só para os turistas, senón para quen vive e paga impostos no Salnés”.

Neste senso, sinalan que na comarca do Salnés viven máis de 164.000 persoas no inverno, pero no verán esta cifra duplícase ou mesmo se triplica en datas determinadas. “Nos últimos tres anos o número de servizos das ambulancias de Vilagarcía e Cambados aumentou un 40%: de 5900 servizos pasou a máis de 8300 servizos; pero seguimos sen ambulancia medicalizada de soporte vital avanzado”.

Finalmente, lembran que no último contrato da concesión do transporte sanitario non urxente da comarca de Pontevedra e do Salnés desapareceron “por arte de maxia” 150.000 euros, o que está a ocasionarlle problemas económicos á empresa, facendo que non se cubran postos de traballo necesarios. “Fan máis de 150.000 servizos, pero non se aumentan os vehículos nin o persoal”, rematan.