O persoal das ambulancias retoma as mobilizacións en demanda dun convenio digno

Á concentración convocada pola CIG na Coruña seguiranlle protestas en todas as áreas sanitarias
A Coruña - 08 Out 2018

A CIG desenvolveu unha concentración este luns diante do Hospital da Coruña para esixir avances na negociación do convenio colectivo de ambulancias, iniciada hai case tres anos pero que permanece bloqueada pola actitude inmobilista da patronal. Deste xeito, retómanse ás mobilizacións que o persoal do sector vén realizando en demanda dun convenio que permita recuperar dereitos e salarios; en rexeitamento ás pretensións dalgunhas empresas de aplicar modificacións substanciais das condicións laborais que suporían rebaixas salariais de case 400€ ao mes, máis carga de traballo e menos días libres; e para esixir que se cumpra co establecido nos contratos do SERGAS.

O responsábel de Transportes da FGAMT-CIG, Xesús Pastoriza, explicou que nestas semanas a central sindical ten convocadas asembleas de traballadores e traballadoras en todas as comarcas para explicar a situación do conflito e acordar novas accións para dar un impulso á negociación colectiva. A CIG proporá repetir as concentracións nas distintas áreas sanitarias e realizar unha manifestación nacional o día 18 de outubro.

Bloqueo patronal

Pastoriza, critica a actitude da patronal, que non só se nega a avanzar na negociación, senón que pretende introducir recortes salariais e laborais neste convenio argumentando que os contratos non lles chegan para cubrir gastos. "Dende que comezamos coas mobilizacións houbo algúns contactos coa patronal para retomar as conversas, pero até o momento non se avanzou nada" denuncia.

Ao bloqueo da negociación colectiva, súmanse as pretensións de varias empresas que solicitaron a inaplicación do convenio e unha rebaixa salarial de até o 25%, algo que cualifica de "auténtica barbaridade".

Alén das condicións laborais e salariais, Pastoriza alertou do deterioro do propio servizo xa que, por exemplo, non se cumpren as condicións hixiénico-sanitarias  dos vehículos ou da roupa de traballo, as empresas non contan co número de ambulancias estipuladas nos concursos e estanse a recortar os cadros de persoal mentres se incrementan os servizos a realizar

Estado deplorábel das urxencias e emerxencias

Neste contexto, a CIG critica a falta de implicación da Consellaría de Sanidade no conflito do transporte sanitario, xa que a pesar de ser responsábel principal da situación por aceptar ofertas á baixa e diante do deterioro que sufre este servizo público polos incumprimentos das empresas, continúa a "mirar para outro lado". Pastoriza acusou a Consellaría de ter as emerxencias e urxencias de Galiza nun estado deplorábel, en continua precarización e deterioro, e co persoal mobilizándose en diversos ámbitos: no sector das ambulancias, na central de chamadas do 061 (en folga indefinida dende agosto) e nos PACs de todo o país, nos que acaban de convocar 12 xornadas de folga.

Porén, o último contacto coa administración produciuse no marco dun peche que traballadores e representantes da CIG realizaron no despacho do conselleiro o pasado 5 de xullo. Forzados pola medida de presión, houbo xuntanza con responsábeis da Consellaría que aseguraron que Sanidade non se vai meter nun conflito laboral.

"O sector vive unha enorme tensión, hai unha empresa que ten nas súas mans boa parte dos contratos e que se nega a respectar os dereitos do persoal, e está a padecer un deterioro importante deste servizo público. Xa é hora de que a Consellaría asuma as súas responsabilidades e se implique activamente no conflito", sentenciou.