O persoal das auxiliares de Endesa anuncia mobilizacións conxuntas se hai perda de emprego

Solicitarán reunións co conselleiro delegado e coa corporación municipal das Pontes
As Pontes - 15 Xul 2019

O persoal de todas as empresas auxiliares de Endesa-As Pontes acordou, en asemblea, constituír unha coordinadora con representación de todos as centrais sindicais e de cada unha das compañías ante a situación xerada pola falta de funcionamento da central térmica e o anuncio da multinacional de empezar a dar formación ao seu persoal propio. Os traballadores e traballadoras das auxiliares entenden que esta decisión podería ter como obxectivo último "a ocupación dos postos de traballo" que a día de hoxe realiza o persoal das auxiliares.

Nesa asemblea acordouse tamén solicitar ao conselleiro delegado de Endesa, José Damián Bogas, unha reunión para coñecer de maneira formal as previsións reais da eléctrica (propiedade nun 70% da empresa pública italiana Enel). De igual xeito, dende o colectivo pediráselle unha reunión ao alcalde das Pontes e aos membros dos grupos municipais para trasladarlles a situación actual das compañías auxiliares.

Neste senso, o colectivo de traballadores/as amosou total disposición a mobilizarse conxuntamente se se fai efectiva a perda de empregos. "Os traballadores/as das compañías auxiliares, algún con máis de 30 anos na central, non poden ser os perdedores, nin traballadores 'de segunda', que non pense agora Endesa en desfacerse deles pola porta de atrás", aseveran.