O persoal das auxiliares de Endesa segue coas protestas para esixir a convocatoria da mesa das Pontes

A CIG denuncia o desleixo do Ministerio e da Xunta
As Pontes - 05 Feb 2020

Como vén sendo habitual, este mércores os traballadores e as traballadoras das empresas auxiliares da central térmica das Pontes continuaron co calendario de concentracións semanais para esixir garantías de emprego e a convocatoria da mesa de traballo específica das Pontes, na que estean presentes o Ministerio para a Transición Ecolóxica, a Xunta de Galiza, o Concello, Endesa, as organizacións sindicais e outros axentes sociais.

A este respecto, Alberte Amado, da CIG-Industria, denuncia o deixamento do Ministerio na constitución desta mesa, "cando non hai escusa posíbel para seguir adiando a súa convocatoria, tendo en conta que Endesa xa solicitou formalmente o peche e que o novo Executivo español está constituído e en plenas funcións". De igual xeito, critica a pasividade da Xunta que, máis alá das declaracións públicas e de descargar responsabilidades no Goberno do Estado, non está a facer ningunha presión institucional real para forzar a convocatoria deste foro.

"Parece que ambas administracións están agardando a que comecen os despedimentos nas auxiliares para dar un paso. Hai máis preocupación polas campañas electorais e por sacar réditos políticos deste conflito que por planificar unha transición enerxética xusta que permita manter os empregos e reindustrializar as Pontes", asevera.

Neste liña, Amado sinala que o persoal das auxiliares non vai cesar nas súas mobilizacións até que se convoque esa mesa na que poder abordar calquera proxecto alternativo, ben sexa coa produción de enerxía ou ben noutro sector, e que ten que ser neste marco onde Endesa traslade as súas propostas e onde arrincarlle compromisos. "E non como estamos vendo até agora, que a empresa fai o que lle peta e anuncia supostos plans a través dos medios sen informar sequera á representación social".

Galiza ten que estar nos plans de transición

O sindicalista reitera tamén a necesidade de que Galiza sexa incluída no Plan de Acción Urxente 2019-2021 para comarcas afectadas polo peche de centrais térmicas; e de que se asinen no inmediato convenios similares aos xa pactados para Aragón, Asturias ou Castela e León.

De igual xeito, a CIG reclama dos gobernos galego e español que fagan as accións precisas para que Galiza forme parte da denominada Plataforma Europea para as Rexións Mineiras en Transición e poida beneficiarse das axudas que a nivel europeo se destinen aos territorios afectados polos procesos de descarbonización.