O persoal das auxiliares de Endesa demanda medidas concretas para que a parada da produción non afecte ao emprego

Este mércores secundaron un paro laboral de unha hora e unha concentración diante da central das Pontes
As Pontes - 21 Ago 2019

Os traballadores e as traballadoras das auxiliares da central térmica das Pontes realizaron este mércores un paro laboral de unha hora de duración e unha concentración para denunciar as consecuencias que sobre o emprego e a economía da comarca pode ter a parada da planta, así como a falta de medidas concretas para garantir a continuidade da actividade produtiva.

Con esta mobilización queren alertar do previsíbel recorte de emprego nas auxiliares de Endesa no curto prazo ao terse suspendido o transporte de carbón, reducírense os servizos contratados ás auxiliares coa escusa de rebaixar custes e ante a posibilidade mesmo de que o persoal propio da central asuma tarefas que até agora realizaban os operarios/as da contratas.

Durante a protesta, o persoal reclamou novamente a Endesa que, mentres se concretan as alternativas á produción de enerxía mediante carbón, dea unha marxe de tempo suficiente sen aplicar medidas traumáticas para os postos de traballo. A este respecto, Alberte Amado, da CIG-Industria de Ferrol, reiterou que se necesita tempo para determinar como se vai afrontar esta transición e como se pode minimizar o impacto no emprego, xa que todo indica que a central non retomará a produción de carbón.

"Na reunión que mantivemos coa dirección de Endesa nas Pontes xa nos adiantaron que esta situación vai seguir e que a previsión de funcionamento para 2019 e 2020 está moi por debaixo das horas que se viñan realizando, pasando das 7.000 horas ás 1.400 horas de traballo", adiantou.

Por iso, Amado reclamou un compromiso por parte de Endesa de que non tomará medidas que afecten ao emprego nas auxiliares e no colectivo de transportistas, "porque non vale que logo de 40 anos obtendo beneficios millonarios agora pretende tirar un pouco máis de rédito e logo pechar a central sen formular ningunha alternativa". Especialmente tendo en conta a alta incidencia que a actividade da central de Endesa ten nesta comarca.

Rolda de contactos

Dende o colectivo de traballadores e traballadoras agardan noticias da Xunta de Galiza, a respecto das tres xuntanzas que se comprometeu a tramitar: coa dirección de Endesa en Madrid, co Ministerio de Transición Ecolóxica, e co comisario europeo de Enerxía e Acción polo Clima. Nos caso do Ministerio, matizou o representante da CIG, demándaselle unha modificación a respecto do céntimo verde “no sentido de que haxa un trato igualitario co resto de tecnoloxías de combustión".

Pola súa banda, ao comisario europeo instaráselle a actuar sobre o mercado de emisións de CO2 para que se apliquen os mecanismos previstos de estabilización de prezos do mercado, xa que nos dous últimos anos esa bolsa especulativa incrementouse nun 500%. "Esta situación fai que a central das Pontes a día de hoxe non poida entrar en rede, o que leva a que Endesa prevea unha redución do 50-60% da actividade que realiza a industria auxiliar".

Reunión no Concello o día 30

Mentres non se concretan alternativas para dotar de futuro aos empregos, o persoal das auxiliares xa advertiu que continuará coas mobilizacións e non descarta intensificalas durante o mes de setembro. Nesta liña, durante  a protesta de hoxe tamén se informou que está prevista unha reunión o vindeiro día 30 co Concello das Pontes e representantes dos colectivos afectados pola parálise da central para tentar encetar unha fronte común na defensa do futuro da comarca.