O persoal das auxiliares de Endesa irá á folga para esixir medidas que eviten a perda de empregos

Ademais, a coordinadora local acordou un intenso calendario de mobilizacións que inclúe concentracións en Santiago e A Coruña
As Pontes - 02 Set 2019

Os traballadores e traballadoras das auxiliares da central de Endesa nas Pontes farán folga de 24 horas o próximo 19 de setembro ante a situación de parálise da planta, que se prolonga dende hai xa catro mese,s e a falta de alternativas definidas para a continuidade da actividade produtiva e dos empregos. Con motivo da folga, está convocada para esa xornada unha manifestación, ás 19:00 horas, polas rúas da vila e un peche comercial de unha hora para advertir das consecuencais que a falta de actividade da central ten sobre todos os sectores económicos.

Esta medida de presión estará precedida dun intenso calendario de mobilizacións que foi acordado a pasada semana pola coordinadora local integrada polas organizacións sindicais, a Corporación municipal das Pontes, o colectivo de transportistas e as asociacións empresariais.

Deste xeito, o luns 9 de setembro, ás 20:00 horas realizarase unha asemblea popular na Praza do Carme para explicar a situación actual de parada da central, que consecuencias ten a nivel laboral e económico e cales son as medidas que se demandan para que o proceso de transición enerxética non deixe atrás a unha comarca altamente dependente da actividade da central.

Concentracións na Xunta e na Subdelegación do Goberno

O 13 de setembro as protestas trasladaranse até Santiago de Compostela, onde se desenvolverá unha concentración diante do edificio da Xunta en San Caetano, ás 12:00 horas. Neste senso, hai que lembrar que os traballadores e as traballadoras están á espera de recibir noticias, a respecto das tres xuntanzas que o Goberno galego se comprometeu a tramitar: coa dirección de Endesa en Madrid (para esixirlle que non tome medidas que afecten ao emprego), co Ministerio de Transición Ecolóxica (para pedir a modificación do chamado 'céntimo verde'), e co comisario europeo de Enerxía e Acción polo Clima (para abordar a regulación do mercado de emisións de CO2).

A maiores, o 16 de setembro, o colectivo levará as súas protestas até a Delegación do Goberno na Coruña, onde fará unha concentración ao mediodía. A esta protesta sumarase tamén o colectivo de xubilados/as de Endesa, que previamente se mobilizarán no viceconsulado italiano en protesta polo recorte dos beneficios sociais que pretende aplicar a empresa.

É necesario un compromiso de Endesa

Dende a CIG-Industria de Ferrol volveuse reclamar un compromiso claro por parte de Endesa de que non tomará medidas que afecten ao emprego nas auxiliares e no colectivo de transportistas mentres se define como se vai afrontar o proceso de transición enerxética e como se pode minimizar o impacto no emprego, "porque non vale que logo de 40 anos obtendo beneficios millonarios agora pretende tirar un pouco máis de rédito e logo pechar a central sen formular ningunha alternativa".