O persoal das auxiliares de Endesa mobilizarase todos os mércores até ter resposta da empresa

Reclaman manter unha reunión coa dirección e garantías de continuidade dos empregos

As Pontes -

Traballadores e  traballadoras da industria auxiliar de Endesa concentráronse este mércores diante do acceso á central térmica das Pontes para esixir solucións concretas para a continuidade dos máis de 200 empregos das contratas e reclamar da dirección da empresa que fixe dunha vez a data da reunión que se comprometeu a manter coa representación social para abordar esta problemática.

A protesta desenvolveuse na rotonda de entrada á central, co obxectivo de reclamar compromisos da continuidade dos empregos, posto que a eléctrica só garantiu os niveis de traballo nas súas contratas até finais de ano. Alberte Amado da CIG-Industria, reiterou a necesidade de que Endesa traslade un compromiso sobre o emprego similar ao feito ao seu cadro de persoal propio, "porque non se pode deixar atrás a estes compañeiros e compañeiras".

A este respecto, reiterou a necesidade levar adiante un proceso de transición enerxética xusto que contemple tamén ao persoal da industria auxiliar. Precisamente para abordar esta problemática, a representación social reclamou unha reunión coa dirección de Endesa, pero malia o compromiso adquirido pola empresa durante o peche que traballadores e sindicalistas realizaron nas oficinas da dirección territorial na Coruña, "a día de hoxe segue sen fixarse unha data para dito encontro, o cal nos parece unha absoluta falta de respecto cos traballadores e coas traballadoras das auxiliares".

Nesta liña, Amado criticou que transcorridas varias semanas do anuncio de cese definitivo da produción na térmica "Endesa continúa sen informar de cal son as súas pretensións a curto prazo coas auxiliares, sobre todo no primeiro trimestre do próximo ano, e sen aclarar que prazos manexa".

Calendario de mobilizacións

Durante a concentración, os traballadores/as anunciaron tamén que se van mobilizar todos os mércores, cando menos até que a empresa concrete a xuntanza. Ademais, o colectivo laboral participará na concentración convocada polo denominado "comité de crise" para o próximo xoves, 14 de novembro, ás 20 horas, na Praza do Carme, á que recomendan acudir con candeas xa que ademais haberá "un apagón xeral" nas Pontes. Con esta protesta quérese denunciar a pasividade e o desleixo de Endesa co conxunto do pobo, por a dirección tampouco contestou aínda a solicitude de xuntanza cursada polo comité de crise.

De igual xeito, os traballadores e as traballadoras das auxiliares de Endesa amosaron o seu apoio á manifestación convocada por CIG, CCOO e UGT para o próximo 28 de novembro, en demanda de medidas prioritarias e urxentes ante a situación de emerxencia que viven as comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal.

Volver