O persoal das contratas de R, en pé contra a deslocalización dos servizos e do emprego

A Coruña -

No ano 2015, a operadora vasca Eukaltel adquiría R Cable e Telecomunicacións asegurando que mantería “as respectivas marcas, estruturas locais e equipos profesionais”. Porén, a realidade foi ben distinta: ao tempo que fomentaba a imaxe galega de R, Euskaltel iniciaba un proceso de reestruturación e deslocalización do traballo fóra de Galiza, tanto na principal como nas súas auxiliares.

O anuncio de que Euskaltel entregáballe á súa subcontrata ZTE os servizos de mantemento e operacións da rede que até o de agora realizaban compañías como Comfica, Colabora, Plexus ou Indra e que estes pasarían a prestarse dende Asturies e Euskadi, fixo saltar todas as alarmas. Pero este traslado non é anecdótico, senón que afecta a todas as actividades (mantemento, enxeñaría e desenvolvemento de rede, atención ao cliente, etc.), deixando no aire o futuro de máis dun milleiro de empregos. 

O traslado de servizos iniciado por R pon en risco o futuro de máis dun milleiro de empregos

 

Ante a incerteza xerada, o persoal está a desenvolver un intenso calendario de mobilizacións e folgas que, no caso de Comfica, facilitou chegar a un acordo coa dirección, polo que esta se compromete a recolocar o persoal afectado noutros departamentos, se non hai subrogación.

Mais este acordo non é garantía de nada e os plans de R seguen adiante, aínda que devagar, nun intento de desactivar a resposta sindical e minimizar o rexeitamento social que xera esta decisión empresarial. De aí que as traballadoras e os traballadores xa teñan convocado un novo calendario de protestas para este mes de setembro, que arrincará o 10 de setembro cunha concentración ás 19:30h diante da sede de R no Obelisco da Coruña.

O papel dos fondos de investimento

Atrás destes movementos están os fondos de investimento que posúen boa parte das accións de Euskaltel e que teñen como único obxectivo tirar a maior cantidade de beneficios no menor tempo posíbel, sen importarlle nin o servizo que se presta, nin o impacto na economía e no emprego local, nin o respecto á pluralidade lingüística.

Esta reestruturación segue a pauta do proceso de concentración e centralización aplicado polas grandes compañías do sector: adelgazamento do cadro de persoal propio, fraccionamento e externalización dun único proceso de produción en varias empresas para abaratar custos, e traslado das estruturas de mando, principalmente a Madrid e Barcelona.

De feito, as actuacións de Zegona (previsíbel porta de entrada de Virgin no mercado de telecomunicacións español) son tema de debate no Parlamento vasco, preocupado pola continuidade da Administración no accionariado, o traslado da sede ou a perda de emprego.

A Xunta debe intervir

Nesta liña, a CIG reclama da Xunta unha implicación activa, que tome a iniciativa e que presione como Administración e como cliente estratéxico, para frear o traslado de servizos e emprego, mais tendo en conta que R naceu como empresa galega, recibe millonarias subvencións públicas e factura millóns de euros ao ano polo negocio coas administracións. A central nacionalista insta a Consellaría de Industria a convocar de inmediato unha xuntanza con todas as partes implicadas (Goberno, R Cable, auxiliares e sindicatos), pois xa se comprometeu a principios de agosto a facer esta xestión.

Volver