O persoal das contratas de R intensifica a loita na defensa dos empregos e o mantemento dos servizos en Galiza

A CIG demanda a implicación do Concello e da Xunta tras comunicarse que ZTE levará dende Asturias a vixilancia da rede

A Coruña -

Os traballadores e as traballadoras de COMFICA e INDRA continúan este mércores coas mobilizacións contra o proceso de traslado de servizos e de emprego fóra de Galiza que pretende levar adiante Euskaltel, propietaria de R Cable, e que pon en risco a continuidade de máis de mil postos de traballo só na provincia da Coruña. Para visibilizar a súa loita, o persoal de COMFICA (en folga de 24 horas) e o de INDRA (que secunda un paro laboral de tres horas) realizaron unha protesta esta mañá diante do edificio de R no Polígono de Agrela.

A consecuencia inmediata deste proceso de retirada dos contratos de R coas súas auxiliares foi a comunicación aos traballadores e ás traballadoras de COMFICA e Colabora que prestan servizos de acceso e transporte de rede, que a partir do mes de outubro o seu traballo vaino levar dende Asturias a empresa ZTE  (subcontrata de Euskaltel). Aínda que a dirección de COMFICA segue a negar que haxa despedimentos, ao persoal afectado non se  lles deu opción de recolocación nin de subrogación, a pesar de que moitos levan máis de 15 anos realizando o mesmo labor en exclusiva para R Cable.

Retirada aos poucos dos contratos

No caso de INDRA, nos últimos dous meses a compañía non lle renovou o contrato a catro traballadores/as temporais e xa informou da recolocación de oito indefinidos noutros departamentos. Pero as consecuencias reais da deslocalización dos servizos veranse nas próximas semanas, pois onte mesmo, pouco antes de iniciarse a folga de tres horas, a dirección de INDRA informaba mediante un correo electrónico que dende hoxe vixilancia de rede pasa a estar asumido “en fase de probas” por ZTE dende Asturias, o que implicará cando menos, a perda de cinco postos de traballo máis nesta contrata.

Este movemento forma parte do que R comunicou como un "recorte do alcance do proxecto e das horas de servizo" prestados pola súa auxiliar. A representación da CIG en INDRA advirte que se están retirando contratos aos poucos, nunha estratexia pensada ademais para evitar a organización e a mobilización do persoal para frear os despedimentos.

As Administracións teñen que implicarse neste conflito

Non cómpre perder de vista que levar a vixilancia da rede fóra de Galiza suporá, por exemplo, que a rede do Concello da Coruña ou a da Xunta estea controlada dende Asturias e non dende o propio país, coas consecuencias que isto pode carrexar no correcto funcionamento do servizo.

Diante destes feitos, a CIG reclama das Administracións públicas unha implicación inmediata neste conflito, que tomen a iniciativa e que presionen para frear o traslado de servizos e emprego que quere Euskaltel, sobre todo tendo en conta que R naceu como empresa galega, recibe millonarias subvencións públicas para instalación e desenvolvemento de rede e factura millóns de euros ao ano polo negocio coas institucións públicas galegas.

A este respecto, a CIG reitera a demanda á Consellaría de Industria para que convoque unha xuntanza con todas as partes implicadas na que abordar o futuro dos empregos e da prestación de servizos. De igual xeito, a central sindical rexistrou mocións no Concello da Coruña solicitando o apoio institucional da Corporación ás reivindicacións dos e das traballadoras, xa que a deslocalización ideada por Euskaltel afecta a todos os departamentos que hoxe ten subcontratos en Galiza (operacións e mantemento, enxeñaría, atención telefónica, etc.) pondo en risco a continuidade de máis de mil empregos.

Folga os días 27 e 28 e agosto

Así as cousas, o persoal de COMFICA xa ten convocadas dúas novas xornadas de folga de 24 horas para o martes 27 e o mércores 28 de agosto.

Volver