O persoal das industrias electrointensivas mobilizarase en Compostela para esixir un novo marco regulador da enerxía

Os comités de Alcoa, Ferroatlántica e Celsa Atlantic convocan manifestación 20 de maio
A Coruña - 13 Mai 2019

Os presidentes dos comités de Alcoa San Cibrao e A Coruña, Ferroatlántica de Cee-Dumbría-CCHH e Sabón, e de Celsa Atlantic compareceron esta mañá en rolda de prensa para anunciar a convocatoria dunha manifestación o vindeiro luns, 20 de maio, en Compostela para esixir solucións de futuro para a industria electrointensiva. A marcha sairá ás 11:00 horas do explanada do estadio de San Lázaro e rematará no edificio administrativo da Xunta en San Caetano.

Na rolda de prensa participaron os presidente dos comités de Alcoa A Coruña, Juan Carlos López Corbacho, de Alcoa San Cibrao, Xosé Paleo, de Celsa Atlántica da Laracha, Agustín Méndez, de Ferroatlántica Cee-Dumbría-Centrais Hidroeléctricas, Santiago Paz, e de Ferroatlántica Sabón, Alberto Ferreiro.

En defensa dos empregos e a industria

Con esta mobilizacións quérese reclamar dos gobernos español e galego medidas para avanzar nun novo marco regulador da enerxía estábel, predicíbel e competitivo que garanta a continuidade da actividade produtiva e dos milleiros de empregos que dependen deste sector, cunha especial incidencia nas comarcas da Mariña, A Coruña e a Costa da Morte. Os representantes dos comités urxiron á aprobación do estatuto do consumidor electrointensivo, que o goberno español mantén aparcado tras incumprir a promesa da súa posta en marcha antes das eleccións xerais, e que resulta fundamental para facilitar unha alternativa ao plan de peche formulado por Alcoa para as plantas da Coruña e Avilés.

Máis tamén esixen da Xunta de Galiza que deixe de botar balóns fóra, faga uso das competencias que ten e se poña a traballar para dar solucións á situación agónica na que se atopa o sector dende hai meses, con ameazas á continuidade da fábrica de aluminio de San Cibrao ou os expedientes de regulación de emprego formulados por Ferroatlántica para as súas instalacións de Cee, Dumbría e Sabón, nas que a dirección, malia non executar aínda os ERTEs, mantén parados varios fornos.

Neste senso, o presidente do comité de Alcoa San Cibrao, Xosé Paleo (CIG), subliñaba que o complexo industrial de Alcoa é o motor económico da comarca da Mariña, dando emprego directo a unhas 2.000 persoas. "Se Alcoa pecha, a Mariña xa pode botar o fecho porque aquí non temos un tecido industrial alternativo".

A solución "require que haxa vontade política"

Paleo incidiu en que este é un problema político e as solucións requiren de que haxa vontade política para pór en marcha un marco regulador que ofreza estabilidade e un prezo competitivo da electricidade. "Non estamos pedindo subvencións, senón unha regulación eléctrica que nos permita competir en pé de igualdade con outros países. E o día 20 imos ir a Santiago a petarlle na porta aos gobernos para que nos dean solucións", aseverou.

Nesta liña subliñou que non se pode permitir que nun país como Galiza, gran produtora de enerxía e que asume os custes sociais e ambientais desta actividade, pechen industrias e se destrúa emprego precisamente polo prezo da electricidade. Por iso, reivindicou que a explotacións dos nosos recursos naturais ten que reverter no desenvolvemento económico e social de Galiza e que temos dereitos contarmos cunha tarifa eléctrica máis baixa, non só para beneficio das industrias con grandes consumos enerxéticos, senón que beneficie tamén ao conxunto dos galegos e das galegas.

Abundando neste cuestión, o presidente do comité de Celsa Atlantic, Agustín Méndez (CIG), destacou que neste tipo de industrias o consumo eléctrico supón até o 40% dos custes de produción e carecer dunha regulación estábel leva a que as empresas opten por non realizar os investimentos necesarios para a actualización e modernización das factorías. "Nun sector como o noso, que non se invista nas fábricas supón perder competitividade e que ao final, tendo en conta que estamos a falar de grandes multinacionais, as empresas acaben por deslocalizar a produción a outras plantas", advertiu.

A CIG leva meses chamando á mobilización conxunta do sector

Esta será a primeira mobilización conxunta do sector en demanda dunha tarifa eléctrica máis xusta, predicíbel e competitiva. Neste senso, hai que lembrar que CIG lanzou en reiteradas ocasións un chamando ás organizacións sindicais e aos comités das distintas fábricas para, diante da crise xenérica das electrointensivas, acorar un calendario de mobilizacións conxunto, mesmo propondo a convocatoria de xornadas de folga sectorial.

Até o de agora, este chamado non obtivera resposta, polo que a central sindical, ante a urxencia da situación e a falta de medidas eficaces por parte dos gobernos, iniciou un intenso calendario de actuacións que comezou o pasado 14 de febreiro cunha concentración diante da Delegación do Goberno na Coruña, seguiu cunha protesta na fábrica de Ferroatlántica de Cee o 1 de marzo, o 28 de marzo nas instalacións de Ferroatlántica Sabón e o 26 de abril, a mobilización trasladouse ao complexo de Alcoa en San Cibrao. Ademais, a CIG ten convocada para o vindeiro xoves 23 de maio unha concentración, ás 18:30 horas, na fábrica de Celsa Atlantic da Laracha, e o 6 de xuño haberá mobilización nas instalacións de Alcoa na Coruña.

Neste contexto, a central sindical tamén presentou nos concellos onde están asentadas estas industrias, mocións de apoio á proposta de tarifa eléctrica industrial elaborada pola CIG.