O persoal das residenciais de Política Social mobilizarase en defensa dos seus dereitos e por uns servizos públicos de calidade

As centrais sindicais denuncian que a Xunta pretende establecer limitacións nas vacacións anuais

Nacional -

A Consellería de Política Social enviou un documento de instrucións “co que pretende limitar o dereito a coller as vacacións” recollido no V Convenio Único do Persoal Laboral da Xunta de Galiza. As organizacións sindicais CIG, CCOO, CSIF e UGT denuncian que con esta instrución a Administración “pretende condicionar as vacacións anuais do persoal que traballa nos centros de menores, de atención á discapacidade e de maiores”, polo que acordaron iniciar mobilizacións para esixir a retirada do documento e na defensa duns servizos sociais públicos e de calidade.

As centrais lembran que os centros residenciais foron duramente afectados pola crise sanitaria do coronavirus pola súa especial vulnerabilidade tanto polas persoas usuarias como pola cantidade de persoal e residentes que conviven nestes espazos. “Nos centros de menores, centros de atención á discapacidade ou centros de maiores dependentes da Xunta de Galiza o persoal fixo e fai un grande esforzo para manter o servizo e parar a afección da pandemia mentres a Xunta mantén unha actitude impositiva e autoritaria arrasando cos dereitos laborais”, critican.

Así, explica, a Administración modificou unilateralmente as condicións de traballo deste persoal “coa imposición de quendas longuísimas (de até 38h consecutivas) e obrigou incluso a traslados forzosos a centros de titularidade privada xustificándoo na necesidade de achegar solución na emerxencia social e sanitaria”.

Recuperar os dereitos e condicións do V Convenio

Dende o sector de Autonómica da CIG-Administración defenden que o servizo publico “é garante de calidade” e que o esforzo do persoal empregado público “é un valor fundamental” na loita contra o virus, “pero non podemos admitir que dous meses despois se sigan a vulnerar gravemente os dereitos do persoal”.  A este respecto, salientan que deben recuperarse a negociación das condicións de traballo e os dereitos incluídos no V Convenio Colectivo Único así como tratar as condicións nas que se producen os traslados “ou incluso prepararnos e prever como van a ser as actuacións no caso dun recrudecemento da pandemia”.

Porén, na vez de avanzar e recoñecer ao seu persoal o esforzo, “agora a Consellería de Política Social pretende condicionar o seu dereito ao goce das vacacións anuais”, denuncia a CIG-Autonómica. Ante estre atropelo as organizacións sindicais esixen a retirada inmediata do borrador de instrución de vacacións “que pretende impoñer” e anuncian un calendario de mobilizacións e accións de protesta os xoves de todas as semanas dende o 28 de maio até o 2 de xullo.

As protestas realizaranse diante dos centros de traballo de 11 a 11:30h, co obxectivo de defender as reivindicacións laborais do persoal empregado público que traballa nas residencias dependentes desta consellería.

Principais reivindicacións á Xunta de Galiza
  • Unha aposta decidida por uns servizos sociais públicos, dignos e de calidade
  • O incremento de prazas públicas e de xestión directa
  • A posta en valor e o recoñecemento  expreso do traballo e o esforzo realizado durante a situación de emerxencia sanitaria coa mellora das condicións laborais e aumento dos cadros de persoal.
  • Recuperar a compensación por festivos e domingos traballados.
  • A redución da xornada máxima anual.
  • A transformación de todos os contratos de fin de semana ou inferiores, a xornada completa.
  • A compensación do exceso horario e o esforzo do persoal que traballou durante o estado de alarma con 10 días adicionais de vacacións durante o 2020.

Volver