O persoal dos centros de Política Social mobilízase en demanda de melloras laborais
Reclaman persoal suficiente para garantir un servizo público e de calidade
Nacional -
O persoal de residencias de atención directa da consellaría de Política Social concentrouse esta mañá diante de todos os centros e traballo, nunha xornada de loita nacional, para denunciar que levan 11 semanas reclamando negociación sen que se recibira resposta algunha da consellaría de Política Social, que se nega a atender e sequera falar das condicións laborais. As mobilizacións repetiranse todos os xoves até conseguir que a consellaría sente a tratar estas demandas.

Para as organizacións sindicais convocantes “é unha cuestión de xustiza e de necesidade urxente, porque os centros e o persoal teñen que estar preparados ante unha nova onda vírica e porque non se pode seguir a sobrecargar así, abusando dun servizo ao límite”.
Demandan, entre outras cuestións, a devolución dos artigos do convenio recortados en 2012, que provocaron a perda de máis de 700 traballadoras e traballadores. Queren que os contratos a tempo parcial se transformen en contratos a xornada completa; que haxa persoal suficiente para garantir a mellor prestación do servizo; que se incrementen as prazas públicas de xestión directa e que se poña fin á precariedade no sector público. Cuestións que, entenden favorecerán un servizo públicos e de calidade.

Descansos mínimos
Xunto a isto queren poder gozar de dous días ininterrompidos de descanso semanal, librar a metade de domingos e festivos alternos en cómputo anual e a súa compensación en tempo. Deste xeito rebaixaríase a carga de traballo e posibilitaríase a contratación de máis persoal.
Ademais exixen que en cada centro se dispoña do material para equipos de protección suficiente, tanto para unha situación normal, como para unha de illamento.
Novas relacionadas