O persoal das tendas de Inditex continúa coas protestas para rexeitar o cambio de horarios

Traballadoras/es do grupo téxtil mobilizáronse diante de establecementos da Coruña, Santiago e Pontevedra
Nacional - 05 Xun 2020

Persoas das tendas das distintas marcas do grupo téxtil Inditex continuaron este mediodía coas mobilizacións ás portas de establecementos de Zara na Coruña e Santiago e de Bershka en Pontevedra para rexeitar a modificación de horarios imposto pola dirección. Estes cambios, que foron denunciados pola CIG diante da Inspección de Traballo, afectan tamén as traballadoras/es con concreción horaria para o coidado de crianzas, o que limita a conciliación da vida laboral e familiar.

A de hoxe foi a segunda das accións que fan parte da campaña de protestas convocada pola CIG despois de que a compañía se negase a retirar unha medida que segundo adiantou a compañía podería estar vixente durante todo o que resta de ano. Diante disto, as afectadas/es continuarán coas mobilización nos vindeiros días.

A secretaria nacional da CIG-Servizos, Transi Fernández, que participou na concentración celebrada en Pontevedra, explicou que a pesar de que xa se celebraron varias xuntanzas coa empresa o cambio de horarios continúa, xa que a dirección se nega a dar marcha atrás nunha decisión que, segundo adiantou, podería prolongarse o que queda de ano.

Lembrou que que Inditex modificou o pasado luns 18 de maio, de xeito unilateral e dun día para outro, os horarios do persoal de tendas en todo o Estado, decisión que incluíu tamén as traballadoras que teñen redución de xornada por coidado de crianzas, o que supón un ataque directo contra o dereito de conciliación da vida laboral e familiar. Fíxoo sen especificar canto tempo ía durar a medida “e coidándose moito de non deixar constancia por escrito para dificultar que as afectadas poidan reclamar”.

Denuncia na Inspección de Traballo

En consecuencia, o persoal do grupo propiedade de Amancio Ortega queda sen día libre, límite de tardes e librada de fin de semana, “e nin sequera poderán gozar en moitos casos do descanso semanal mínimo que establece a lei”. Máis grave aínda consideran a decisión de incluír nesta modificación a todo o persoal que goza de concreción horaria por conciliación da vida laboral e familiar, e que en moitos casos logrou este dereito tras reclamacións xudiciais.

Nada máis ter coñecemento do que estaba a acontecer a CIG presentou denuncia na Inspección de Traballo, que convocou as partes a unha xuntanza na que a empresa fixo fincapé co acordo asinado con CCOO e UGT a nivel estatal e mantivo que actúa “polo ben das traballadoras, supostamente para garantir a súa saúde, cando o que pretenden é aforrar cartos evitando ter que contratar persoal temporal para cubrir baixas e vacacións xa que non respectan nin os descansos do sábado nin cumpren os descansos semanais”. O único que aceptou a empresa foi non modificar as vacacións de verán, que quedarán como até o de agora.

Por iso a CIG reclama que a empresa restitúa os horarios normais de todo o persoal, ademais de esixir que se garantan as medidas de seguridade, incluíndo distintas horas de entrada e saída para evitar que coincida o persoal das distintas quendas.