• Nova

O persoal de Acciona mobilízase nos hospitais Provincial e Montecelo de Pontevedra ao berro de“limpeza solución!”

A concesionaria do servizo volveu adiar a data da xuntanza para negociar o convenio
Pontevedra - 19 Xan 2022

O cadro de persoal de Acciona, concesionaria do servizo de limpeza do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHUP), volveu mobilizarse onte diante dos hospitais Provincial e Montecelo ao berro de“limpeza solución!” para rexeitar a discriminación salarial e en defensa das súas condicións laborais. A empresa vén de adiar novamente a volta ás negociacións do convenio tras celebrarse unicamente catro xuntanzas dende setembro ao suspender primeiro a prevista para o pasado 20 de decembro e despois atrasar a fixada para hoxe mesmo.

Trátase da segunda concentración que se celebra no marco da campaña de protestas deseñada pola CIG, CCOO e UGT e aprobada en asemblea polas/os traballadoras/es. As mobilizacións teñen lugar nas entradas principais dous dos centros hospitalarios a partir das 10:00 horas para visibilizar o conflito laboral.

A secretaria comarcal da CIG-Servizos de Pontevedra, Diana Rodríguez, explica que o convenio colectivo da limpeza hospitalaria do CHUP, que foi denunciado este ano, levaba sen negociarse dende 2016. Os contactos entre a empresa e a representación sindical comezaron en setembro, tempo no que se celebraron unicamente catro xuntanzas, xa que a Acciona optou por suspender sen data a prevista para o pasado 20 de decembro. Coincidindo coa primeira xornada de mobilizacións a empresa convocou de novo a mesa negociadora para o mércores 19, reunión que foi adiada agora para o vindeiro día 24.

As protestas continuarán o xoves 20 de xaneiro para forzar un cambio de actitude da dirección empresa, “que xa comunicou que non vai asumir ningún tipo de suba de soldos excepto a equiparación co persoal do Sergas, cando por exemplo o persoal do servizo de limpeza do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, que xestiona tamén Acciona, conta cunha mellora salarial de entre 675 e 850 euros anuais”, critica.

Diante disto, a responsábel sindical anuncia que os sindicatos non van permitir o que consideran un claro exemplo de discriminación salarial, ao tratarse de traballadoras/es da mesma empresa que desenvolven o seu labor no mesmo sector.

Ao mesmo tempo, censura que Acciona pretenda recortar unha serie de dereitos laborais mediante a eliminación do acoplamento de postos de traballo, a limitación da solicitude de días moscosos e a ampliación do período de goce das vacacións a catro meses (de xuño a setembro, cando até o de agora é de xullo a agosto).

Sobreesforzo do persoal

Por outra banda, denuncia que a concesionaria non está a reforzar o servizo para facer fronte ás novas necesidades derivadas da pandemia da covid, ademais de non cubrir as máis de 20 baixas laborais que se rexistran na actualidade, o que está a incrementar aínda máis a sobrecarga de traballo que padece o persoal.

Tamén fixo fincapé no feito de que as traballadoras/es da limpeza hospitalaria son as únicas do CHUP que non contan cun plus de perigosidade a pesar de que son as que máis tempo pasan en contacto cos pacientes. “Outras/os empregadas/as, como as da limpeza da cociña, si que o teñen”.

Finalmente, adianta que non se descarta unha convocatoria de folga no servizo no caso de que tras as protestas a empresa non retome as negociacións do convenio “cunha actitude máis dialogante”, tal e como acordaron as traballadoras/es na asemblea celebrada o pasado 29 de decembro.