O persoal de Alcoa San Cibrao volve á rúa en defensa do emprego na fábrica

Desenvolveu unha nova concentración no Castelo en demanda dunha solución á crise que atravesa a compañía
- 20 Set 2019

Os traballadores/as de Alcoa San Cibrao seguiron hoxe co calendario de mobilizacións iniciado o pasado venres para enfrontar “o momento máis perigoso para a continuidade da fábrica en 40 anos de historia” e que incluirá concentracións semanais, marchas, manifestacións e unha mobilización en Madrid.

O comité de empresa, presidido pola CIG, decidiu continuar coas protestas despois de que o Goberno central, a través da ministra de Enerxía, “non puxese solucións enriba da mesa” na xuntanza mantida o pasado luns en Madrid. Dende a representación dos traballadores/as agardan que “os compromisos e as boas palabras” expresadas durante o encontro pola ministra “se traduzan en feitos canto antes”, para o que apostan por continuar coas protestas na rúa.