O persoal de Alu Ibérica irá á folga indefinida a partir do 26 de decembro

A CIG esixe inversións, un plan industrial e a intervención das administracións para garantir empregos e actividade

A Coruña -

Os traballadores e as traballadoras de AluIbérica da Coruña irán á folga indefinida a partir do 26 de decembro en demanda da readmisión dunha compañeira inxustamente despedida e pedir o cesamento das persecucións e represión sindical practicada pola nova propietaria. Así o anunciaron hoxe en rolda de prensa o presidente do comité e os responsábeis das federacións de Industria de CIG, CCOO e UGT quen tamén lanzaron un chamado ao Goberno español e á Xunta a actuar de inmediato ante o desmantelamento progresivo da fábrica da Coruña.

O secretario nacional da CIG-Industria, Xoán Xosé Bouzas, subliñou que calquera solución para a planta da Agrela ten que pasar, inevitabelmente, pola intervención das administracións, tendo en conta ademais que o aluminio é un sector estratéxico para a economía galega e debería ser declarado e protexido como tal. Porén, denunciou que, nos últimos dous anos tanto o Goberno español como a Xunta "amosaron unha total incapacidade, inacción e falta de dilixencia na busca dunha solución, a pesar de que foron promotores e avalistas do ERE e da posterior venda, como saída para a fábrica da Coruña".

Bouzas criticou a falta de valentía política do PP na Xunta e do PSOE e UP no Executivo central para avanzar na intervención pública das instalacións "e impedir que se cumpra o plan inicial de Alcoa de parar as cubas e pechar a fábrica". A este respecto, apunta que a fraude e o incumprimento do acordo están na venda, na adquisición e no traspaso das accións, primeiro de Alcoa a Parter e logo do fondo suízo ao Grupo Industrial Riesgo, transacción á que asistiron pasivas a administración central e a galega.

Conta atrás nas garantías de emprego

E neste senso, lembra que, aínda que só quedan sete meses para que remate o prazo de mantemento do emprego establecido nas condicións da venda, a día de hoxe non hai nada feito con respecto ás promesas de inversión e desenvolvemento dun plan industrial para viabilizar a actividade produtiva e o mantemento dos postos de traballo. "Para dotar de futuro a AluIbérica hai que facer as inversións necesarias, darlle ocupación efectiva aos traballadores/as e efectivizar as achegas financeiras que estaban acordadas; do contrario, en sete meses, atoparémonos ante o peche irremediábel da factoría", alerta Bouzas Aboi.

Por iso, o secretario nacional da CIG-Industria instou o comité e o conxunto do persoal a intensificar a mobilización para trasladarlle á cidadanía da comarca cal é a situación real na fábrica "e saír as rúas con toda a forza a reclamar as medidas precisas".

Nin modernización da fábrica nin formación do persoal

Sobre a situación da fábrica, dende a sección sindical da CIG en AluIbérica subliñan que "a necesaria modernización da fundición, coa implementación de novas tecnoloxías de colada, coa instalación de fornos específicos para a refusión de chatarra, e a formación do persoal nesas novas tecnoloxías, aínda non comezou. E non se puxo nin o primeiro parafuso, nin se iniciou sobre o terreo absolutamente ningunha das inversión prometidas".

Este abandono aínda se tornou máis crítico dende o desembarco do Grupo Riesgo en abril pasado, pois das anunciadas inversións millonarias e dos plans de rearranque da electrólise non se soubo máis nada. Ao contrario, a nova propietaria puxo en marcha unha política de persecución sindical, ameazas, aperturas de expedientes sancionadores e agora despedimentos inxustificados, que se suman ao reiterados incumprimentos do convenio colectivo, aos recortes de dereitos sociais, aos atrasos e impagos nos salarios e á falta de ocupación efectiva en actividades industriais para dous terzos do persoal.

Para enfrontar a ausencia de garantías de futuro e reclamar solucións a todas as partes implicadas, a comezar por Alcoa, Parter Capital e Grupo Riesgo, e seguindo polo Goberno español e a Xunta de Galiza, a CIG reivindica actuacións políticas inmediatas e a intervención pública das plantas de aluminio primario.

Volver