O persoal de amarre e desamarre dos barcos no Porto de Vigo convoca paros por un convenio digno e un salario xusto

Terán lugar este luns 26, o venres 30 e o venres 7 de xullo de 5:00 a 12:00
Vigo - 23 Xun 2023

O cadro de persoal da empresa Boteros Amarradores de Vigo (Botamavi) vén de convocar tres xornadas de paros parciais para reclamar un convenio colectivo digno e uns salarios xustos. Dende a CIG, que ostenta a representación sindical, explican que a compañía négase a introducir unha cláusula de actualización salarial conforme ao IPC, a mellorar os pluses e a contratar máis persoal.

Os paros para reclamar unhas condicións de traballo dignas en Botamavi, empresa que se encarga do amarre e desamarre dos barcos no Porto de Vigo, desenvolveranse este luns 26 e o venres 30 de xuño e continuarán o venres 7 de xullo de 5:00 a 12:00 horas.

Ao mesmo tempo, os traballadores/as desenvolverán concentracións o luns 26 diante das oficinas da empresa na rúa Cánovas del Castillo, 10, a partir das 10:00 horas e o venres 30 no peirao de transatlánticos ás 9:30 horas, coincidindo coa celebración do consello de administración da Autoridade Portuaria de Vigo.

Dende a central sindical indican que as partes, que xa celebraron seis xuntanzas e achegaron catro propostas de convenio, continúan se chegar a un acordo pola negativa da dirección a introducir unha cláusula de revisión salarial a IPC e a mellorar os pluses de actividade e nocturnidade. 

A empresa négase á cláusula de revisión salarial a IPC e a contratar máis persoal

Ademais, denuncian que a empresa tampouco está disposta a contratar máis persoal a pesar de que o actual número de empregados/as (11 en cada unha das dúas quendas) son insuficientes para desenvolver o traballo.

Finalmente, anuncian que recorrerán os servizos mínimos do 70% decretados polo Porto de Vigo ao entender que son claramente abusivos.