O persoal de ambulancias consegue a equiparación de xornada e salarios en Ambuibérica

De media redúcese a xornada nunhas 80 horas ao mes, con incrementos salariais de 30€ o mes nuns casos e até 400€ nalgún outro
Compostela - 07 Set 2016
A convocatoria de concentración do sector de ambulancias diante do hospital clínico, prevista para este mércores, transformouse nunha asemblea de traballadores/as para ratificar o preacordo ao que se chegaba onte. Un preacordo no que se acada o obxectivo fundamental das mobilizacións que viñan desenvolvéndose desde hai un ano: que todos os traballadores e traballadoras de emerxencias de Ambuibérica, conten coas mesmas condicións en materia de xornada e salario.

Así o explicaba ao remate da asemblea Inácio Pavón, representante da FGAMT-CIG. “Chegamos a un preacordo que contempla que, na área sanitaria de Santiago as condicións de traballo de todos os traballadores/as do sector, independentemente das empresas para as que traballen, sexan exactamente as mesmas e, como mínimo, as que marca o convenio colectivo en materia de xornada e traballo”.

O acordo alcanza os catro anos de duración da contrata e con el “a xornada máxima redúcese, de media, nunhas 80 horas ao mes, sen que iso supoña merma económica e que mesmo na maior parte dos casos supoña unha suba salarial. Hai quen sobe 30€ e hai quen sobe 400€”.

O representante da FGAMT-CIG de Compostela matizou que isto implicou moita contratación, pero que moita dela se fixo con contratos en prácticas. A este respecto xa adiantou que “agora teremos que solucionar na negociación do convenio colectivo as súas condicións”.

Outra das cuestións que contempla o acordo é que as nóminas, en diante, sexan iguais todos os meses. “Os cálculos das nóminas deste sector son moi complexos porque se introducen moitas as variábeis. O que estaba pasando é que moitas veces facíanse mal a mantenta e os traballadores non sabían se estaban ben ou mal calculadas. Agora vaise saber sempre que cantidade hai que cobrar até o ano seguinte, cando se aprobe a suba salarial, porque son sempre os mesmos horarios e polo tanto as nóminas teñen que ser sempre iguais”.

Con todo Pavón salientou que o acordo foi posible, malia haber até o de agora “unha cerrazón absoluta” por parte de Ambuibérica porque, ao seu entender “hai unha necesidade política de solucionar un conflito que estaba tendo moita dimensión pública e agora, durante todo un ano demostrouse que eramos quen de estar na rúa, facer medidas de presión. Sabían que na campaña eramos capaces de facer todo aquilo que estabamos dicindo, que fariamos unha acampada, convocaríamos unha folga e estariamos permanentemente na rúa tanto informando como mobilizándonos”.

Xunto a isto salientou tamén a unidade do sector porque houbo traballadores que “aínda tendo as súas condicións laborais arranxadas desde o mes de decembro, porén continuaron mobilizándose entendendo que era o mesmo sector, independentemente da empresa que rexera nunha base ou noutra”. Esa foi, segundo o representante da FGAMT, “a principal fortaleza que tivemos”.

Tolerancia cero

Pola súa banda, Xesús María Pastoriza apuntou, ao igual que Pavón, á administración como responsábel de que se chegara a esta situación, por ter priorizado criterios económicos e permitido que, “tanto en urxente como en non urxente diversas empresas foran por debaixo do prezo estipulado, con baixadas temerarias, coa idea de que iamos permitir que os traballadores soportaran ese déficit. Xa lles demostramos que non e que, desde logo, do lombo dos traballadores non vai saír”, asegurou.

Por iso considerou que este acordo é transcendente na medida en que Ambuibérica é unha empresa que acaba de aterrar en Galiza nas últimas concesións que se deron. “Unha empresa enorme, con 4.000 traballadores que, entendiamos que viñan aquí a ser os  xefes do cotarro. Unha empresa á que máis difícil enfrontarse pero onde, ao final, conseguimos demostrar, grazas ás mobilizacións dos traballadores e traballadoras e a todo o traballo da CIG que aquí nós funcionamos coa tolerancia cero”.

Pastoriza sinalou ademais que situacións semellantes tamén se dan noutras áreas sanitarias. En concreto explicou que en Ferrol, en non urxente a Xunta permitiu que unha empresa se fixera co concurso cun 12% de rebaixa. “Xa tivemos asembleas e estivemos en contacto coa nova empresa e xa lle advertimos taxativamente que, pola nosa parte, haberá tolerancia cero e que se eles se puxeron un 12% por debaixo do que necesitaban é o seu problema. Nin lles imos permitir un só despedimento nin unha mínima rebaixa salarial, exactamente igual que fixemos nas outras empresas”.