O persoal de atención á discapacidade, menores e infantil 0-3, intensifica as mobilizacións para reclamar condicións dignas
CIG-Ensino, CUT e SNEP teñen convocado un novo calendario de mobilizacións e unha xornada de folga parcial no sector de atención á discapacidade, protección de menores e reforma, e educación infantil 0-3 ante a falta de interlocución da Consellaría de Política Social que, malia ter as competencias nestes servizos públicos, continúa sen atender as demandas do persoal traballador para reverter a precariedade laboral e salarial que padecen.
A próxima mobilización será o 13 de maio na Coruña, cunha concentración ás 11:00 horas, diante do edificio de Política Social (Espazo Amizar), dando continuidade así ás protestas rotatorias nas delegacións territoriais da Xunta, que se iniciaron o pasado 8 de abril en Ourense, reforzando así tamén os “mércores en loita” que se veñen facendo nos centros de traballo.
Xunto a isto, CIG-Ensino, CUT e SNEP teñen organizado un “Camiño de Santiago reivindicativo” en tres etapas e unha xornada de folga no último día, que se desenvolverán do seguinte xeito:
- 1 de xuño: caravana de coches dende Arzúa até Arca con saída ás 11:30h
- 2 de xuño: caravana de coches dende Arca até o Monte do Gozo, con saída ás 11:30h.
- 3 de xuño: manifestación dende o Monte do Gozo até o complexo da Xunta en San Caetano, con saída ás 11 horas. Para este día tamén está convocada unha folga parcial de 5 horas (das 9h ás 14h) nos tres sectores.
Así mesmo, as tres centrais sindicais fan unha chamada á unidade de acción reivindicativa na Galiza, cos tres sectores, organizada, consensuada e dirixida cara á Xunta xa que é quen ten as competencias nestas materias.
Mellorar as condicións de traballo, os salarios e a calidade na atención
O persoal destes sectores esenciais na atención ás persoas - máis que se presta en centros privados ou coa xestión privatizada- levan preto dun ano mobilizándose conxuntamente por convenios colectivos que permitan mellorar os salarios e as condicións de traballo, así como para reivindicar unha baixada das ratios, xornadas xustas, máis recursos ou mellores instalacións.
Neste contexto, as traballadoras e traballadores están realizando os “mércores en loita”, unha acción reivindicativa nos diversos centros que inclúe concentracións do persoal e toma de imaxes e vídeos para a súa posterior difusión nas redes sociais, co obxectivo de socializar as súas demandas e explicar as condicións nas que se prestan os servizos en cada centro de traballo (arredor de 550 en toda Galiza).
Hai que salientar que, aínda que a Consellaría de Política Social financia estes servizos que se prestan a través de concertos e convenios con entidades sociais e empresas privadas, o persoal está regulado por convenios colectivos estatais que contemplan salarios apenas por enriba do SMI e cunhas condicións laborais moi cativas.
Por iso, CIG-Ensino, CUT e SNEP explican que a prioridade debe ser mellorar as condicións laborais, sociais e salariais mediante a negociación colectiva, abrindo o Marco Galego de Relacións Laborais nestes tres sectores a través do Consello Galego de Relacións Laborais, no camiño de acadar acordos e convenios dignos e xustos na Galiza. E neste sentido, apostar no inmediato por forzar a negociación de melloras complementarias que permitan incrementar salarios con complementos autonómicos (na liña do acordo acadado en menores hai unhas semanas).
Porén, a Consellaría de Política Social négase a escoitar o persoal traballador e a dar unha solución ao conflito aberto nestes tres sectores esenciais na atención ás persoas. Unha actitude que as organizacións sindicais consideran un desprezo absoluto da Xunta de Galiza tanto ás traballadoras e traballadores, como ás miles de persoas usuarias que demandan tamén uns servizos de calidade.