Folga en Atento os días 24 e 31 de decembro contra os abusos da empresa

A dirección impuxo un protocolo de vacacións que vulnera os dereitos do persoal
A Coruña - 21 Dec 2018

O comité de Atento A Coruña acordou convocar folga os días 24 e 31 de decembro en resposta aos incumprimentos por parte da empresa dos acordos asinados o pasado 17 outubro no seo do AGA e que supuxeron a suspensión das mobilizacións semanais que o persoal estaba realizando dende maio. Agora, a dirección, nun novo alarde de prepotencia, impuxo un protocolo de vacacións non negociado e que incumpre o recollido na lexislación laboral.

Segundo explican dende a representación social, "a empresa pretende aparentar un peche dos servizos técnicos a partir das 20 horas dos días 24 e 31 de decembro, pero obrigándonos a recuperar as horas até completar a xornada e pretendendo comprometer o comité para que non houbera denuncia pola evidente infracción laboral". É dicir, a empresa decide pechar eses dous días a partir das oito da tarde, pero quere que o persoal 'recupere' de maneira gratuíta unhas horas que non ten que traballar, porque é a empresa quen decide cerrar o servizo.

Ante este despropósito, a representación social xa ten en marcha unha demanda colectiva para anular o protocolo imposto por Atento e que se respecten os dereitos dos traballadores e das traballadoras.

Seguen os incumprimentos

Ademais do novo conflito coas vacacións, denuncian, a empresa continúa sen achegar a formación adecuada nos novos servizos e produtos, nin reciclaxes nin nas reincorporacións, aínda que logo "esixe ventas, produtividade e calidade". Xunto a isto, critican que a resposta da dirección á reivindicación de tempos administrativos e entre chamadas (un dos puntos recollidos no acordo no AGA) se limita a trasladar "con moito atraso, uns informes de tempos de traballo elaborados tendenciosamente para poder concluír que pasamos a meirande parte da xornada lacazaneando".