O persoal de Atento volverá á folga o 31 de decembro para esixir á empresa que cumpra cos acordos

O comité anima a superar o seguimento masivo que rexistrou o paro do día 24

A Coruña -

O próximo luns 31 de decembro, os traballadores e as traballadoras de Atento na Coruña volverán á folga para dar resposta aos incumprimentos por parte da empresa e á imposición do protocolo de vacacións. Deste xeito dáse continuidade á folga do pasado día 24, que tivo un seguimento masivo.

A decisión de retomar as mobilizacións acordou tras comprobar como a empresa está a incumprir o acordo alcanzado no AGA o pasado 17 de outubro e que supuxo a suspensión dos paros que o persoal viña realizando dende finais de maio. O comité denuncia que dito acordo tiña que validarse en 20 días, pero pasado ese prazo "vemos como xuntanza tras xuntanza as táboa reivindicativa do persoal vai quedando diluída nun universo de matices, e aínda por enriba a empresa considera dá por cumprido o acordo".

A gota que encheu o vaso foi a imposición do novo protocolo de vacacións, ao que hai que engadir "a chantaxe coa que pretendían obrigarnos a asinar un acordo no que toda a xente que traballase o 24 e 31 de decembro das 20h en diante non traballaría esas horas, pero tería que recuperalas dentro dese mesmo mes, e co compromiso, ademais, de que non se denunciase na Inspección de Traballo", xa que hai dou anos unha manobra similar derivara unha multa por incumprimento da normativa laboral.

Xunto a isto, o comité denuncia que veñen de recibir notificación da empresa de o xoves 20 de decembro se despediu "de xeito aberrante" a unha traballadora, "engadindo así un novo incumprimento a un acordo que dan por cumprido"

Diante desta situación, o comité anima a todas a traballadoras e traballadores a secundar de xeito maioritario, ao igual que o pasado día 24, o paro previsto para este 31 de decembro "e lembrarlle a empresa que ten que cumprir co acordado".


Volver