O persoal de Axuda a Domicilio de Ourense convoca mobilizacións en defensa do servizo

As protestas comezarán este luns 18 ás 12:00 horas e desenvolveranse a diario até o 30 de novembro
Ourense - 15 Nov 2019

O comité de empresa de Sacyr, concesionaria da Axuda a Domicilio e á Dependencia do Concello de Ourense acordou convocar mobilizacións en defensa dun servizo que corre perigo de desaparecer tras quedar deserto o concurso de adxudicación. As protestas comezarán este luns 18 ás 12:00 horas e desenvolveranse todos os días até o vindeiro 30 de novembro.

O servizo, que atende a máis de 500 usuarios/as e emprega a unhas 200 traballadoras/es, atravesa unha situación moi delicada unha vez que o concurso quedou deserto e o actual contrato coa empresa Sacyr remata o próximo 30 de novembro. 

A CIG apoia as protestas e reclama a municipalización do servizo

Dende a CIG indican que “as últimas noticias que temos do Concello é que están pendentes tres empresas de presentar ofertas o próximo luns día 18 nun proceso negociado sen publicidade, pero o prezo de partida ten que ser o dos pregos orixinais, que xa denunciamos no seu momento que era insuficiente para garantir as condicións de traballo establecidas no convenio colectivo”.

Diante disto, dende a central amosan o seu apoio ás mobilizacións convocadas pola representación do cadro de persoal e fan un chamamento ás familias dos usuarios/as para que se sumen ás protestas e presionen ao Concello para manter o servizo.

Finalmente, esíxenlle ao Goberno local que cumpra o compromiso de municipalizar o servizo de Axuda a Domicilio e á Dependencia.