O persoal de Bershka decide por unanimidade aceptar o acordo e desconvocar a folga

A empresa incorporará melloras sociais e avanzará na equiparación salarial de todo o persoal
Vigo - 04 Nov 2017

O cadro de persoal de Bershka na provincia de Pontevedra decidiu por unanimidade en asemblea aceptar o preacordo pactado onte entre e representación sindical e a dirección e desconvocar a folga indefinida iniciada o pasado venres 26 de outubro para denunciar a discriminación laboral con respecto ás compañeiras/os doutras provincias. O acordo contempla a incorporación de todas as medidas sociais que reclamaban e avanza na equiparación salarial, xa que Berskha terá que pagarlles 120 dos 130 euros en pluses que cobran o persoal da Coruña.

Foi precisamente este último aspecto o que frustrara o acordo na primeira xuntanza celebrada entre as partes, e a piques estivo onte de volver a facelo ante a negativa da empresa a abonarlles o plus de 50 euros do que si gozan as traballadoras/as coruñesas/es (Bershka si aceptara pagar o plus de 80).

Na primeira reunión as negociadoras da empresa unicamente ofrecían 10 euros do plus de 50, pero a determinación das traballadoras/es, que seguiron coa folga e volveron a mobilizarse diante da sede central de Inditex en Arteixo, fixo que tivesen que sentarse de novo. As empregadas/os, pola súa parte, amosaron incluso a súa disposición a aceptar unicamente a metade do plus, 25 euros, ofrecemento que non foi atendido pola compañía.

Mais no segundo encontro entre Bershka e a representación das traballadoras/es, celebrado onte e que rematou xa de noite, as partes chegaron finalmente a un preacordo que contempla tanto a aplicación das melloras sociais que reclamaban (vacacións, permisos e excedencias, tempo de descanso, lactancia, conciliación familiar e incapacidade permanente) como abono do plus de 80 euros, mentres que do de 50 ingresarán un total de 40 euros (30 en 2018 e 10 en 2019).

Consolidar horas complementarias

Este plus permanencia de 80 euros ao mes é para todas as traballadoras/es independentemente das xornada que fagan, será de 16 pagas e revisábel o 1,5% anual. Ademais, a empresa comprométese a abonar os atrasos dende o mes de xuño. O plus de empresa queda fixado en 40 euros mensuais para o persoal a xornada máxima, mentres que o resto de xornadas recinirán a parte proporcional. Tamén será en 16 pagas e revisábel o 1,5% anual.

Outras das melloras económicas logradas pasan por un incentivo do 1,6% para as terceiras encargadas/os, o que supón o recoñecemento da responsabilidade que desenvolven na tenda cunha porcentaxe da venda tal e como perciben as primeiras e segundas encargadas; un abono de 80 euros por cada día de asuntos propios (2) non gozado ao longo do ano; e un abono de 150 euros por nacemento ou adopción de fillo/a.

No que respecta ás horas complementarias que as empregadas/os están obrigadas/os a facer a pesar de que o 90% ten contrato a tempo parcial, lograron a consilidación como aumento de xornada do 15% do total das que se fagan cada ano no conxunto da provincia, asignando este aumento por criterio de antigüidade. A empresa comprométese a estudar un procedemento de consolidación de xornada para aqueles tramos de entre 30 e 40 horas, de xeito que se adapte á literalidade do convenio, ben mediante unha bolsa de horas de consolidación ou incrementado a xornada durante o período necesario, se ben non se poderá superar o mes consecutivo.

Ao mesmo tempo, os calendarios de todas as xornadas limitaranse a un máximo de tres peches semanais. A empresa comprométese a que as traballadoras/es con xornadas parciais contratadas a data do acordo se adecuarán aos calendarios limitándose o número de peches a tres, se ben, as futuras contratacións realizarán o número de peches preciso para cubrir as necesidades organizativas da empresa derivadas desta limitación na distribución horaria.

Tamén se establece un sábado libre mensual para todas as traballadoras/es, se ben as encargadas/os gozarán de 12 sábados libres ao ano, que se poderán regular en función das necesidades da tenda, podendo gozar de dous sábados acumulados no mesmo mes e de tres sábados en quenda de mañá. Isto significa que todas as empregadas/os terán o mesmo tempo de descanso.

A pausa diaria para o café pasa a ser de 10 minutos para as xornadas inferiores a cinco horas, de 30 minutos para as xornadas de entre 5 e 6 horas e media, podéndose fraccionar en dous descansos, e para as xornadas de 7 horas en diante o descanso será de 40 minutos, podéndose fraccionar tamén en dúas pausas. Isto suporá unha importante redución de xornada anual.

Determinación das traballadoras/es

A secretaria nacional da CIG-Servizos, Transi Fernández, valorou moi positivamente o acordo alcanzado coa empresa, até o punto de soster que superou as pretensións marcadas inicialmente polo cadro de persoal, e amosouse convencida de que non tería sido posíbel sen a determinación amosada polas traballadoras/es durante os nove días de folga. “Foi un conflito unitario de longa duración contra unha grande empresa como Inditex no que atopamos moitas dificultades, como ter boa parte dos medios de comunicación en contra, mais coa forza das traballadoras/as conseguimos arrincar un bo acordo”, indicou.

Finalmente, lembrou que o persoal de Bershka está a vender bonos solidarios para paliar na medida do posíbel os efectos económicos da folga sobre as afectadas/os, que por outra banda tamén contarán coa axuda da caixa de resistencia da CIG. Con todo, durante as negociación tamén lograron que Bershka lles abone os días de folga do mes de novembro “entendendo que deberan ter chegado a un acordo xa na primeira reunión, celebrada o martes 31”.