O persoal de Bosch en Vigo convoca unha xornada de folga contra os “abusos e a prepotencia” da empresa

O paro desenvolverase este venres día 16 de 00:00 a 24:00 horas
Vigo - 13 Xul 2021

O comité de empresa de Bosch, compañía do sector dos centros de chamadas con sede en Vigo, vén de convocar un día de folga para rexeitar os “abusos e a prepotencia” da dirección e para reclamar un acordo digno sobre teletraballo. O paro, ao que están chamadas as 1900 traballadoras/es da compañía na cidade -tanto da propia empresa como das distintas ETT- desenvolverase este venres 16 de xullo de 00:00 a 24:00 horas.

O persoal de Bosch aproveitará a xornada de folga para levar a cabo unha concentración ás portas das instalacións da empresa na rúa da Barxa do Covelo de 11:00 a 12:00 horas. 

Aproveitarán a xornada para desenvolver unha concentración ás portas das instalacións da Barxa do Covelo de 11:00 a 12:00

Con estas medidas de presión queren amosar o seu rexeitamento aos “abusos” que está a cometer a dirección e denunciar a actitude “prepotente” da que fai gala durante as negociacións. Por exemplo, negándose permanentemente a recoñecer as categorías profesionais que lle corresponden ao persoal, obrigando a presentar continuas demandas xudiciais.

Aínda que o principal punto de fricción coa compañía ten que ver co acordo de teletraballo, xa que as empregadas/os reclaman o abono dos gastos derivados desta modalidade dende o inicio da situación de teletraballo.

Tamén denuncian as dificultades que atopan á hora de contactar e facer xestións co departamento de recursos humanos, así como cando solicitan o dereito de concreción horaria por garda legal, “que a empresa denega sistematicamente, facendo que haxa que acudir ao xulgado para denunciar”. Outras cuestións que fan parte das súas reivindicacións teñen que ver coa falta de información ao comité, coa actualización do plan de emerxencia ou coa falta de limpeza nos centros.

Flexibilidade e traballo por obxectivos

Dende a representación sindical sosteñen que o persoal está canso de que a empresa obrigue a coller vacacións ou perder salario “porque o cliente Repsol (ou calquera outro noutros días) decide que o 24 e o 31 de decembro non quere prestar servizo”.

Tamén de que se lle impoñan obxectivos que na maioría dos casos son moi difíciles de acadar; “e que, ademais, sexan empregados pola empresa como premio ou castigo para poder teletraballar en tempos de pandemia”.

E de que a empresa “escatime cada euro”, pretendendo non pagar a compensación económica dos gastos derivados de teletraballo por causa da pandemia, nin dende o seu inicio en marzo de 2020 nin dende a entrada en vigor do decreto de outubro. “Impoñen xaneiro de 2021 porque lles peta e sen ningún esforzo na negociación”, censuran.

Finalmente, trasladan a “rabia” das traballadoras/es que entraron no ERTE no mes de xuño e que están sen cobrar a prestación de desemprego xa que Bosch volveu a enviar tarde a documentación ao SEPE, “sen ter a seguridade de que vaiamos cobrar no mes de agosto”.