O persoal de Celso Míguez trasladará as protestas polas débedas salariais a Santiago e Coruña

Hoxe volveu a percorrer en manifestación as rúas de Pontevedra coincidindo cunha nova xornada de folga
Nacional - 16 Set 2020

O cadro de persoal de Celso Míguez, empresa dedicada á comercialización de pinturas con sede en Pontevedra e con centros de traballo por toda Galiza, trasladará a Santiago e Coruña as protestas para esixir o pago dos salarios pendentes e plan de viabilidade que garanta a continuidade da compañía. Un grupo de traballadores/as volveu a percorrer hoxe en manifestación as rúas de Pontevedra coincidindo cunha nova xornada de folga.

Celso Míguez, que conta con arredor de 90 empregados/as, comezou hai máis de un ano a ter problemas co pago dos salarios, até o punto de que nestes momentos adebeda as catro últimas nóminas e as pagas extraordinarias de Nadal e xullo, o que está a provocarlle serios problemas económicos ao persoal.

En consecuencia, os afectados/as decidiron iniciar unha campaña de de protestas que inclúe a convocatoria de folga e manifestacións como a que esta mañá tivo lugar polas rúas de Pontevedra.

Dende a CIG-Servizos explican que a empresa non se presentou á mediación do SMAC celebrada o pasado día 11 a raíz da denuncia presentada por impago de nóminas e reclamando a rescisión de contratos dos 17 traballadores/as que asesora a CIG (13 en Pontevedra, 2 en Vigo e 2 en Lugo). Diante disto, o cadro de persoal acordou trasladar as protestas aos centros de traballo de Santiago e Coruña os vindeiros días 28 e 30 de setembro.

Ademais, critican que a dirección de Celso Míguez se nega a manter unha xuntanza co comité de empresa (2 delegados/as da CIG e 2 de CCOO tras a marcha do presidente do comité, de CCOO) “mentres haxa convocatorias de folga”.